Os Estados Unidos descartan o rescate financeiro do crebado Silicon Valley Bank

O Silicon Valley Bank protagonizou a maior creba bancaria nos EUA desde a crise financeira mundial do 2008 e a segunda máis grande da historia.
A secretaria do Tesouro dos EUA, Janet Yellen (Foto: Al Drago / CNP / Zuma Press).
photo_camera A secretaria do Tesouro dos EUA, Janet Yellen (Foto: Al Drago / CNP / Zuma Press).

As autoridades estadounidenses non van rescatar o Silicon Valley Bank, que protagonizou a maior creba bancaria nos Estados Unidos de América (EUA) desde a crise financeira mundial do 2008, e a segunda máis grande da historia.

O décimo sexto banco máis grande dos EUA era unha institución ben capitalizada a mediados desta semana, mais en 48 horas colapsou, despois que os depositantes, na súa maioría vinculados co sector da tecnoloxía e empresas apoiadas por capital de risco, retirasen o seu diñeiro a medida que se estendía a preocupación pola crise que atravesaba a entidade.

Fronte a esa situación, os reguladores bancarios tomaron posesión do entidade bancaria e designaron como síndico á Corporación Federal de Seguro de Depósitos (FDIC polas súas siglas en inglés), que rapidamente se apresurou a fechar o banco.

A secretaria do Tesouro dos Estados Unidos, Janet Yellen, declarou o domingo que o Goberno federal non rescatará o Silicon Valley Bank. Con todo, Yellen dixo que a entidade está preocupada polos depositantes e que "está centrada en tratar de satisfacer as súas necesidades".

“Non volveremos facer iso”, declarou Yellen en relación ás inxeccións de liquidez nos bancos durante a crise financeira de 2008 nunha entrevista na CBS. Ademais, a secretaria do tesouro dos EUA descartou que a creba do banco poida desatar un efecto dominó nin unha crise nos mercados semellante á experimentada en 2008.

"A economía de EE.UU. depende dun sistema bancario seguro e sólido que poida satisfacer as necesidades de crédito dos nosos fogares e empresas. Así que cada vez que un banco, especialmente un, como o Silicon Valley Bank, con miles de millóns de dólares en depósitos, creba, é claramente unha preocupación", afirmou. Ademais, tamén sinalou que ela e os reguladores bancarios levan traballando "toda a fin de semana para deseñar políticas adecuadas para facer fronte a esta situación".

A FDIC garante até 250.000 dólares por conta, mais moitas das empresas e persoas adiñeiradas que usaban ese banco, coñecido por servir a novas empresas tecnolóxicas e capitais de investimentos, tiñan moito máis que iso. Por outra parte, témese que moitas persoas traballadoras poidan deixar de percibir os seus soldos.

Efectos a nivel global

A creba do Silicon Valley Bank esta sexta feira non só sementou a incerteza financeira nos EUA, tamén tivo consecuencias alarmantes que xa se están facendo visíbeis en distintas partes do mundo. No Reino Unido, a filial do banco californiano está a piques de declararse insolvente.

Polo momento a filial británica do Silicon Valley xa cesou a súa actividade e non acepta novos clientes. Máis de 250 directores executivos de empresas tecnolóxicas británicas asinaron unha carta dirixida ao ministro de Facenda británico, Jeremy Hunt, na que piden a intervención do Goberno, segundo unha copia vista por Reuters.

Os efectos poderían ir máis alá posto que o Silicon Valley Bank tamén ten sucursais en Alemaña, na China, en Dinamarca, na India, en Israel e en Suecia. Os empresarios británicos advirten de que a creba do banco e das sucursais podería pór en risco o futuro de moitas startups en todo o mundo.

A segunda maior creba bancaria da historia dos EUA, despois da de Washington Mutual en 2008, tamén puxo en alerta ás empresas tecnolóxicas de Asia. "Non hai que subestimar o impacto do incidente do Silicon Valley Bank na industria tecnolóxica", sinalaron nunha nota analistas da China International Capital Corp., dirixidos por Liu Zhengning.

"Se finalmente estes depósitos en efectivo teñen que deteriorarse no proceso de creba ou reestruturación, algunhas empresas tecnolóxicas poden enfrontarse a unha gran tensión de tesourería", sinalaron. "Non deben excluírse os riscos de creba", concluíu.

Pola súa parte, o ministro de Finanzas de Corea do Sur, Choo Kyung-ho, declarou este domingo que o Estado segue de cerca calquera repercusión da creba do Silicon Valley Bank nos mercados surcoreanos. Ademais, a través da súa entidade matriz, o banco crebado tamén posúe investimentos nalgunhas das startups tecnolóxicas máis importantes da India. Por tanto, non se pode descartar un impacto directo na economía deste Estado, sinala o medio The Hindu Businessline.

Fileiras para a retirada dos depósitos

Decenas de clientes presentáronse este sábado ante unha sucursal do First Republic Bank, ao sur de California, ansiosos por retirar os seus fondos, ante o aumento da incerteza financeira causada polo colapso do Silicon Valley Bank.

As persoas usuarias empezaron a temer polo futuro do First Republic Bank despois de que diversos analistas financeiros sinalasen as similitudes que tiña co Silicon Valley Bank respecto ao valor estimado dos seus activos fronte ao valor real. As accións do First Republic caeron 15% a pasada sexta feira, elevando a caída do banco con sede en San Francisco a 34% durante toda a semana.

Comentarios