O Estado recoñece que non recuperará 26.300 millóns de euros que destinou a salvar a banca

A cifra do 'burato' podería ser maior. O goberno insistiu estes anos en que a cidadanía non ía pagar o resgate das entidades financeiras.

Novagalicia Banco
photo_camera Novagalicia Banco

O Banco de España recoñecía a semana pasada que o Estado só recuperara o 5,3% dos máis de 53.000 millóns de euros de fondos públicos que se destinaron a salvar a banca. Esta segunda feira, El País informa que o goberno dá por perdidos por volta de 26.300 millóns de euros dese resgate, un diñeiro procedente de fondos públicos e que xa non se vai recuperar. A metade do que se adicou a salvar o sistema financeiro español en plena vaga de recortes e tesoiradas en servizos públicos.

O propio rotativo lembra, para ilustrar a magnitude desa perda de 26.300 millóns de euros, que os recortes en sanidade e educación durante a crise supuxeron 16.000 millóns de euros, 10 mil millóns menos. Cartos públicos que se destinaron a limpar e cadrar os balanzos deficitarios de caixas e bancos. Ao tempo, desde o goberno reiterábase por activa e por pasiva que á cidadanía non ía perder un euro con esta decisión, pois a propia banca ía devolver eses cartos. Á luz dos feitos, máis de 26 mil millóns de euros, como mínimo, saídos dos petos dos cidadáns non van ser recuperadas.

E Novagaliciabanco?

O Estado recuperou apenas 783 millóns dos máis de 8.000 millóns de euros públicos (hai quen eleva a cifra por riba dos 10.000 millóns) que se inxectaron nesta entidade financeira. A finais de 2013 o venezuelano Banesco mercaba por algo máis de 1.000 millóns Novagalicia banco (NGB). No 2014 obtivo 1.157 millóns de euros de beneficios e en 2015 máis de 330 millóns. Nos primeiros seis meses de 2016, os beneficios estiveron nos 186 millóns.

O Banco de Estaña calcula en 53.000 millóns de euros o destinado a salvar a banca. Mais para o Tribunal de Contas, os recursos públicos empregados ou comprometidos na reestruturación das entidades financeiras nas actuacións que se levaron a cabo entre 2009 e 2012 andan perto dos 108.000 millóns de euros. Unha cifra notabelmente superior aos 53.000 millóns dos que fala o Banco de España. Mais hai cálculos que elevan máis aínda a cantidade determinada polo Tribunal de Contas. Así temos, por exemplo, un informe da CNMC, Comisión Nacional dos Mercados e Competencia, que afirma que o sector bancario recibeu en axudas por volta de 141.000 millóns de euros

Comentarios