O Estado compensará Audasa pola caída de tráfico pola Covid-19

O Goberno español abre a porta a que Audasa perciba compensacións polo impacto da Covid-19 nas súas contas, mesmo ampliando o período da concesión da AP-9
Autoestrada AP-9 ao seu paso por Compostela (Arxina)
photo_camera Autoestrada AP-9 ao seu paso por Compostela (Arxina)

A crise derivada da pandemia da Covid-19 fixo que o tráfico na autoestrada AP-9 quedase reducido á mínima expresión. Audasa, a concesionaria do vieiro que vertebra Galiza de norte a sur, dicía entón que non tiña pensado solicitar compensacións pola caída de tráfico, mais o Estado español vén de publicar no Boletín Oficial do Estado (BOE) unha disposición para o reequilibro económico dos contratos de concesión que abre a porta a que a concesionaria reclame parte dos danos económicos xerados pola crise do coronavirus. 

O Goberno de Pedro Sánchez, que mantén en suspenso as xestións para a reversión a Galiza da titularidade da autoestrada, especifica neste artigo que "cando a marxe bruta de explotación durante o período de vixencia do estado de alarma fose negativo, compensarase ao concesionario coa menor das seguintes cantidades". As cantidades en cuestión son o importe necesario para que a marxe bruta de explotación durante o estado de alarma chegue a cero ou, no seu defecto, a diferenza entre a marxe bruta de explotación durante o estado de alarma e dita marxe durante o mesmo período do ano anterior. 

A este respecto, enténdese como marxe bruta de explotación a diferenza entre ingresos xerados e gastos ocasionados, sen incluír amortizacións nin provisións "debidamente acreditados" polas actividades de explotación da concesión. 

Neste apartado non se considerarán os ingresos e os gastos de investimento ou financiamento, as moratorias ou condonacións pactadas pola concesionaria, nin os salarios das traballadoras e traballadores incluídos en Expedientes de Regulación Temporal de Empleo (ERTE).

Máis anos de concesión

Segundo recolle o BOE, o reequilibro consistirá "na ampliación do prazo de duración da concesión (nunca máis do prazo de vixencia do estado de alarma), para o que se considerará un crecemento anual acumulativo dos ingresos de 2% con respecto aos de 2019. Tamén, a efectos de actualización monetaria, a taxa de desconto será o rendemento medio no mercado secundario da débeda do Estado a 10 años dos primeiros 6 meses de 2020, ou no seu defecto, dos últimos seis meses dispoñíbeis, publicados polo Banco de España, incrementado nun diferencial de 200 puntos básicos.

Comentarios