Á espera do Supremo, o comité de Alcoa insiste nunha decisión "política"

O persoal da factoría de Alcoa en San Cibrao (Cervo) mantivo esta cuarta feira unha xornada de mobilizacións á espera da resolución do Tribunal Supremo sobre o ERE proposto pola multinacional. Ao feche desta edición aínda non se fixera pública a decisión mais desde o comité de empresa seguen a insistir que a decisión "é política".

Barricada en chamas diante da entrada principal da factoría de Alcoa en San Cibrao (Cervo) o pasado mes de setembro (Nós Diario).
photo_camera Barricada en chamas diante da entrada principal da factoría de Alcoa en San Cibrao (Cervo) o pasado mes de setembro (Foto: Nós Diario).

O Tribunal Supremo (TS) reuniuse esta cuarta feira pola mañá para decidir o futuro da última planta de aluminio primario que queda no Estado español. Tiña por diante analizar a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) que declarara nulo o expediente de regulación de emprego (ERE) polo que Alcoa quere despedir a 524 traballadoras e traballadores da súa planta en San Cibrao (Cervo).

O alto tribunal español, que non fixo pública a súa resolución antes do feche desta edición, tiña que resolver se ratificaba a "mala fe" da multinacional ou daba por válido o recurso presentado por Alcoa. As razóns achegadas polo TSXG en decembro do ano pasado sinalaran que "a fin única e primordial que guiaba a empresa era apagar as cubas e fechar a fábrica da forma máis rendíbel posíbel". 

Alcoa e a xustiza

A presenza da multinacional nos xulgados non foi menor nos últimos anos. Desde que adquirira a empresa pública Inespal en 1997, con plantas industriais en varios lugares do Estado español, o proceso de venda das fábricas foi intenso até quedar en 2018 coa factoría de San Cibrao e as de Avilés e A Coruña. Estas últimas atravesaron un proceso semellante ao que están a vivir na Mariña e do que aínda se está a ocupar a xustiza. Sobre este proceso, o pasado mes de xuño, a Audiencia Nacional condenara a Alcoa a indemnizar e recolocar o persoal dos centros que tiña na Coruña e Avilés por incumprir o convenio. 

Tensa espera na factoría de San Cibrao 

O comité de empresa de Alcoa convocara para onte unha xornada de mobilizacións diante da propia entrada da factoría con concentracións ás 11 horas e ás 20 horas ademais de manter a folga e deixar acceder ás instalacións só aos servizos mínimos estabelecidos. 

Cunha barricada en chamas quixeron demostrar que non abandonarán a súa reivindicación, algo que deixaron evidente tamén na comparecencia que realizaron diante os medios de comunicación. "Calquera das decisións que tome o Supremo ten que ser o acicate para que dunha vez por todas deixen de marear aos traballadores", afirmaba o presidente do comité, José Antonio Zan, "déixense de promesas e póñanse cos feitos", pedía con insistencia. 

Sen saber aínda cal sería a decisión do TS, o sindicalista aseguraba que "o que temos claro é que, gañemos ou perdamos, seguiremos dependendo de que o Goberno español faga o seu traballo". Nese sentido, 

Zan precisaba que, aínda que o comité confía nunha resolución que ratifique a nulidade do ERE que quere levar a cabo a multinacional, tal e como no seu día se pronunciara o TSXG, "esa non é a solución, ten que ser política e ten que vir por parte dos políticos", lembrando, ademais, a promesa que lles fixo "a ministra (Reyes Maroto), publicamente, e connosco en privado moitas veces, de comprometerse a facer unha intervención temporal" da fábrica para a súa posterior "venda a un terceiro". Zan remataba sinalando que "ese compromiso non o está cumprindo, mais é que ademais o Parlamento da Galiza e o Congreso votaron o mesmo. Se os deputados e parlamentarios votan e non se cumpre o que votan. Entón é mellor que se vaian todos para a súa casa".

Tomé pide a intervención

O presidente da Deputación de Lugo, o socialista José Tomé, demandou onte a "intervención" do Goberno español na planta de Alcoa en San Cibrao e da Xunta na factoría de Vestas en Viveiro. Estas propostas realizounas antes da presentación dun programa para empresas da provincia. Tomé subliñou que, desde o primeiro día, a institución provincial propuxo que "se era necesario facer unha intervención que salvase os postos de traballo e a empresa, había que facela" e deu a "benvida" á Xunta por mostrarse "recentemente" partidaria desa "intervención".

Comentarios