España tardará dous anos en recuperar o nivel de emprego pre-crise. Galiza, once

No estado español xa igualaron o nivel de paro de 2009 mais o noso país rexistra un 35% máis de persoas desempregadas que daquela.

Un dos alicerces do discurso de Núñez Feijóo ao longo destes anos de goberno foi que Galiza non estaba tan mal se a comparabamos co resto do estado español. Era o argumentario do PP de Galiza perante calquera mínima crítica ou cuestionamento do que nestes anos sufriu Galiza: paro, emigración, precarización, exclusión social... Axiña saía Xunta a afirmar que en todos eses eidos as ratuos no estado eran peores ou máis preocupantes que en Galiza.

Porén, ese discurso ten as patas curtas. O portavoz socialista no Parlamento e economista Xaquín Fernández Leiceaga deixouno claro na Cámara, na sesión de control ao presidente galego: ao ritmo do último ano, España tardará dous anos en recuperar o nivel de emprego de 2009 mais Galiza precisará “outros 11 anos”. O que non deixa de ser preocupante. Como o feito de que España xa igualou o nivel de paro de 2009 mentres Galiza está un 35 por cento por enriba con, reiterou, 136.700 persoas ocupadas menos.

Fernández Leiceaga denunciou que “algo están facendo mal” cando o medre económico do 3 por cento tradúcese en tan só un 1 por cento de creación de emprego. “De ter acdado un comportamento semellante á media estatal, Galiza tería 85.400 empregos máis, dándolle traballo a tódolos parados de máis de dous anos, e 46.400 parados menos, eliminando o paro da mocidade entre 25 e 34 anos”.

.

Comentarios