España gaña a copa OCDE da desigualdade social

É o estado da OCDE onde máis se agravou a fenda entre ricos e pobres coa crise. Os ingresos do 10% da poboación máis pobre caeron nestes anos máis dun 42 por cento. O dos ricos, sete veces menos.

Un novo informe, desta volta da OCDE (Organización para a Cooperación e Desenvolvemento Económico), volve poñer sobre a mesa a realidade do Estado español, cunha fenda social a estenderse coa crise. É, de entre os 35 estados que compoñen a OCDE, o que de 2007 a 2011 rexistrou unha maior diferenza entre a queda de rendas e ingresos do 10% máis pobre da poboación e o 10% máis rico. Xa non é que o Estado español presente peores resultados neste tema que Suecia, Noruega ou Alemaña. É que ten uns rexistros moito máis desiguais que Chile, México ou mesmo Estados Unidos.

Nos primeiros catro anos da crise os ingresos do 10% da poboación máis pobre do Estado español reducíuse en máis dun 42 %. No 10% máis rico ese descenso non chegou o 6 por cento. Aliás, os recortes sociais (educación, sanidade, servizos...) ensanchan o impacto sobre aquela parte da poboación máis pobre.

A OCDE deixa claro no seu estudo que o Estado español é onde máis se amplía a fenda da desigualdade. Ademais, tanto o Estado español como Grecia son os dous estados europeos nos que a incidencia de pobreza é maior.

O 22% da poboación por baixo dos 18 anos está no limiar da pobreza, insiste este informe, a taxa máis alta entre os estados europeos que integran a OCDE.

Comentarios