Escotet volta a se embolsar 300 millóns de euros polas súas accións de Abanca

As antigas caixas galegas saneadas polo diñeiro das e dos contribuíntes e convertidas nun banco privado continúan a ser un grande negocio para o seu máximo accionista, o banqueiro venezuelano Juan Carlos Escotet.

Escotet e Feijóo
photo_camera Escotet e Feijóo

En 2013 Banesco, un banco venezuelano, fíxose co control de Abanca após gañar a poxa organizada polo FROB, cunha oferta por volta de 1.003 millóns de euros (en catro prazos, un primeiro de 403 millóns e os outros 600 a pagar até xuño de 2018). En 2014, o banco xa deu beneficios. En 2016, os accionistas obtiveron 315,4 en conceito de dividendos (correspondentes aos gaños de 2015), e esa mesma cantidade é a que embolsarán en 2017.

A operación de 2017, correspondente aos beneficios de 2016, xa foi comunicada á Comisión Nacional do Mercado de Valores e vaise materializar a próxima cuarta feira 8 de febreiro, cun valor de reparto de 0,1409 euros por cada acción.

Mais quen son os accionistas de Abanca? Basicamente o dono do banco é o banqueiro venezuelano Juan Carlos Escotet, que controla, a meio de Abanca Holding Financeiro S.A., 86,79 por cento. Socios minoritarios teñen 1,87 por cento; un fundo de investimentos británico, 2,61 por cento, e a autocarteira (accións adquiridas pola propia Abanca), 8,73 por cento.

Se traducirmos estas percentaxes en diñeiro, teremos que dos 315,4 millóns de euros en dividendos, Escotet obtén un total de 300,4 e algo máis de 5, os socios minoritarios, entre eles altos executivos do banco.

Como queira que o reparto o ano pasado foi similar ao deste, Escotet terá embolsado 600 millóns en dividendos en dous exercicios consecutivos. Un grande negocio, tendo en conta que se fixo co banco cunha entrada de apenas 400.

Segundo o Tribunal de Contas, Abanca foi o cuarto resgate dunha entidade financeira máis oneroso para as e os contribuíntes: o Estado puxo para sanear as antigas caixas un total de 8.532 millóns de euros e o Fundo de Garantía de Depósitos das Entidades de Créditos, 627. Total, 9.159 millóns de euros.

Comentarios