Unha década de sinistralidade laboral en Galiza: 700 traballador@s mort@s e 7.000 ferid@s graves

A sinistralidade laboral deixou no noso país entre 2004 e novembro de 2013 un total de 696 persoas falecidas, segundo dados do Instituto Galego de seguridade e saúde laboral (Issga). Malia descender nestes últimos anos, o índice ce sinistraldiade en Galiza é dos máis altos do Estado.

sinistralidade laboral

Desde 2004 até novembro de 2013 (último dato oficial) na Galiza morreron en accidente laboral durante a xornada de traballo un total de 696 persoas. Outras 7.075 sufriron feridas que a propia autoridade laboral cualifica como 'graves'. Uns números que, malia frialdade que se atribúe a todas as estatísticas, indican a pouco que se pare un neles unha realidade devastadora: Cada ano morren de media na Galiza mentres traballan perto de 70 persoas. E unhas 700 (media de dúas por día) resultan feridas de gravidade. E iso sen contabilizar aquelas e aqueles falecidos 'in itinere', é dicer, cando se trasladaban ou volvían de traballar.

Os dados son do Issga, Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral, un organismo autónomo da Xunta de Galiza que ten como competencias, entre outras, a xestión e coordinación das políticas en materia de seguridade laboral.

Sindicatos denunciaron que tan só en 2011 os fondos para loitar contra a sinistralidade laboral minguou en sete millóns de euros

Por sectores produtivos, en todos eles a sinistralidade laboral traduciuse en accidentes mortais e graves. Desde 2005 até finais do ano pasado, 201 traballadoras e traballadores morreron durante a xornada de traballo no sector servizos. Na construción foron 160, no sector da industria 114 e no da pesca, 86.

Renuncia da Xunta a loitar contra a sinistralidade laboral

Os recortes e a austeridade dos gobernos coa desculpa da crise non axudan precisamente a revertar a situación. Mais os accidentes laborais non son exclusivos da época de crise. Tamén cando Galiza e Europa vivía 'en auxe' había sinistralidade. Mais coa crise, como denuncian os sindicatos, conflúen dous escenarios: o anteriormente mencionado de recortes en políticas e programas de prevención, por un lador. 

Factores que inflúen: exceso de xornadas de traballo, carencia formativa sobre seguridade no traballo, temporalidade no emprego (a incidencia é a tripla entre os asalariados con contrato temporal e os de contrato indefinido)

Xa a finais de 2012 CIG, CCOO e UGT, alertando dos recortes nas partidas de prevención ou mesmo a mingua de autonomía e competencias de organismos adicados a traballar neste eido. Estes recortes provocaron, só na Galiza e en 2011, unha mingua de sete millóns de euros para loitar contra os accidentes no traballo

A necesidade

E, por outro, a suma de precariedade e temporalidade que vai da man da crise. "As condicións de traballo deixan de importar por mor da necesidade de ter traballo. O que importa é traballar, como sexa e onde sexa". 

No estudo do catedrático Vicente Castelló para o CES recompilaba que factores influían no risco de sinistros laborais: ter menos de 25 anos, levar máis de 2 anos traballando, exceso de xornadas de traballo, carencia formativa sobre seguridade no traballo e na empresa, tamaño da empresa e temporalidade no emprego (a incidencia é a tripla entre os asalariados con contrato temporal e os de contrato indefinido).

Galiza está á cabeza de estatísticas dos territorios do Estado español en índice de accidentes laborais graves e mortais. E o Estado español está á cabeza dos países da zona euro nesa clasificación.

Comentarios