As eólicas recuperan os investimentos en menos tempo grazas aos prezos da luz

Ecoloxistas calculan que a amortización dos parques eólicos pode darse até en dous anos, mentres que a patronal fala dun prazo medio de 15 anos.
Parque eólico no Monte Seixo na Serra do Cando. (Foto: Carlos Solla)
photo_camera Parque eólico no Monte Seixo na Serra do Cando. (Foto: Carlos Solla)

A eólica foi no 2021 a principal fonte de xeración enerxética no Estado, unha situación chamada a asentarse no tempo. Galiza, como potencia eólica que é, está chamada a xogar un papel determinante nese escenario, sobre todo á vista do inxente número de proxectos que se están a tramitar para instalar novos megawatts (MW) eólicos no país, rexeitados en moitos dos casos pola súa afección a núcleos habitados e a espazos naturais protexidos.

Agora, nun escenario no que o prezo da enerxía está en máximos históricos no mercado, as eléctricas ven como as súas marxes se incrementan, en especial coas instalacións acollidas ao réxime de retribución específica, que teñen garantida a recuperación do seu investimento cunha rendibilidade anual algo superior ao 7,1% en 25 anos e un prezo de referencia duns 30 euros  por megawatt/hora (MWh).

Entre ese alto volume de proxectos ─solicitan até 3 ou 4 veces máis do que realmente se vai instalar─ hai algúns que xa contemplan prazos de recuperación do investimento de 7 anos, fronte aos 15 de media, e de só de 3 para a recuperación do capital. 

É o caso do parque eólico dos Cotos, en Cotobade, que tamén se reproduce noutros proxectos na zona da Mariña. De feito, Iván Lombardero, da plataforma 'Eólicos na Mariña Así Non', indica a Nós Diario que a cantidade que ingresan estas empresas "é difícil de calcular", mais que, "de acordo coas contas que presentan, parece que entre dous ou tres anos poderían ter amortizados os parques".

Pola súa parte, o presidente da patronal eólica galega, José Manuel Pazo, explicou que o prazo medio de amortización dun parque eólico está nos 15 anos de media e apuntou que a retirada das primas durante o Goberno de Mariano Raxoi e os baixos prezos da enerxía fixeron que nalgúns casos eses prazos se ampliaran até os 20 anos. De igual forma, recoñeceu que coa suba deste último ano os prazos puidéronse acurtar, aínda que insistiu que é algo "excepcional".

Riscos para a rendibilidade

Como sinalan fontes coñecedoras do sector, un dos principais riscos na rendibilidade dos parques eólicos son os ingresos por venda de electricidade, xa que, dada a súa variabilidade, obrigan as entidades promotoras dos novos proxectos a realizar estimacións e simulacións complexas, mesmo a dotarse de ferramentas de cobertura de ingresos que fan aumentar os seus custos financeiros.

As empresas tratan de minimizar ese impacto por dúas vías. Unha son os contratos de venda de electricidade a longo prazo (PPA), que lles garanten un marco temporal de estabilidade de prezos. É a fórmula á que están recorrendo firmas como Endesa ou Greenalia para 'atar' a construción dos seus parques. 

Outra consiste en actuar sobre a cadea de subministración, pedindo aos fabricantes que proporcionan os equipos unha rebaixa nos prezos. O problema é que algunhas das materias primas necesarias para a construción dos parques presentan fortes alzas de prezos, ao que se suma o feito de que Galiza perdeu nos últimos tempos centros de produción como o de Vestas en Viveiro ou o de Siemens-Gamesa nas Somozas. 

Bancos e fondos de investimento

O Banco Europeo de Investimentos (BEI) anunciou onte un acordo co fondo Ben Oldman de 100 millóns de euros para cofinanciar proxectos eólicos e fotovoltaicos en España e Portugal.

Serán préstamos ponte, que son os que cobren o baleiro de financiamento ao que se enfrontan moitos promotores de proxectos eólicos e os que lles permiten obter os fondos que necesitan para pasar do estado 'listo para construír' á fase de operación.

De feito, segundo apuntan fontes coñecedoras do sector, a banca e os fondos de investimento adoitan estar detrás de boa parte dos proxectos de construción de parques eólicos, mentres que a presencia das empresas que os executan e os explotan é practicamente testemuñal en moitos dos casos, o que lles supón un forte apancamento que se reflicte despois nas súas contas de resultados.

Comentarios