Entregan 15.000 firmas na Xunta para "recuperar a xestión da mexilla"

O sector 'bateeiro' exixe á Xunta que rectifique o decreto que dá competencias ás confrarías sobre a xestión da mexilla.
Bateeiros diante do rexistro da Xunta, en Compostela (Foto: Europa Press).
photo_camera Bateeiros diante do rexistro da Xunta, en Compostela (Foto: Europa Press).

Representantes do sector 'bateeiro' entregaron onte case 15.000 firmas no rexistro da Xunta da Galiza para reclamar a marcha atrás do decreto que dá competencias ás confrarías sobre a xestión da mexilla xa que, afirman, "limitan unha chea de zonas de traballo".

"O que queremos é recuperar a xestión da mexilla, non é normal que estea en mans de quen non ten competencias sobre ela", afirmou o presidente da federación Arousa Norte, Álex Tubío, ás portas do edificio administrativo da Xunta en San Caetano, en Santiago de Compostela, onde se concentraron máis de 200 mexilloeiros.

Os 'bateeiros' atoparon un forte dispositivo policial e o propio Tubío queixouse de que era "un pouco esaxerado", con ducias de axentes e varias furgonetas policiais. "Somos mariñeiros, acuicultores, non somos delincuente", recriminou. 

Bateas baleiras

O responsábel bateeiro apunta que a aprobación do decreto e os plans de explotación do percebe "limítanse unha chea de zonas de traballo, segundo a Consellaría un 16%"  para os mexilloeiros, o que lles provoca "moitas dificultades" e "unha chea de bateas baleiras".

Tras un ano pasado "moi complicado", augura que 2023 -a campaña de extracción de mexilla termina o 15 de xuño- traerá "moitos menos quilos de mexillón".

Igualmente, advirte de que existe "moita preocupación entre cocedoiros, depuradoras e fábricas por estar desabastecido o mercado".

Isto implica, segundo Tubío, que "está a entrar moito produtor foráneo".

Xunto á entrega destas firmas tamén levaron ao rexistro un escrito para pedir, "por milésima vez", unha reunión co titular do Goberno galego, Alfonso Rueda. "Non entendemos por que este desprezo do presidente da Xunta cara nós", quéixase Tubío. 

Respecto diso, reprocha que non hai "ningunha" interlocución coa Consellaría. "Non sabemos que está a elaborar, non temos noticia, de nada podemos falar se nos seguen prohibindo acceder á mexilla", conclúe.

Comentarios