Enerxías de Portugal creará e explotará novos parques eólicos na Galiza

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, recibiu ao representante do grupo EDP para falar de investimentos na materia das enerxías renovábeis, eludindo a forte contestación social da poboación galega contra os proxectos polo pouco que reverten na economía das localidades a cambio de toda a repercusión que causan en espazos protexidos ou que se poderían destinar a outros usos máis rentábeis para a poboación.

Varios eólicos no concello de Aranga. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Varios eólicos no concello de Aranga. (Foto: Nós Diario)

A compañía portuguesa EDP visitou hoxe Galiza para comprometer investimentos e “reactivación de territorios cuxa actividade se viu máis afectada pola descarbonización”, mais a estratexia de ir “cara un modelo enerxético e económico máis sostíbel” pasa, entre outras cousas, por dar vida a novas iniciativas de aproveitamento eólico.

A pesar da forte mobilización que existe no país contra a maioría dos proxectos para crear parques eólicos, polo dano que provocan ao medio ambiente e ao patrimonio, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, atendeu á empresa para conversar sobre as inicativas e analizar o compromiso xa en marcha desde hai anos.

Enerxías de Portugal promete traer “máis de 1.000 millóns de investimento” -a maiores do que xa leva investido, pois opera no país desde 1996- pero será apostando pola “xeración eólica onshore e offshore”, o almacenamento desta e o hidróxeno verde.

A firma xa conta con 9 zonas con eólicos que xestiona baixo a filial EDPR, que é unha das principais operadoras do sector na Galiza.

Nun contexto convulso no que se refire ao aproveitamento eólico nas condicións que se fai agora -non porque a sociedade estea en contra das enerxías limpas-, a firma destaca que contrata empresas locais para montar os muíños e conta con outros negocios galegos en todo o proceso.

No entanto, non se debe esquecer que na realidade o retorno económico que estas factorías teñen para as vilas é reducido. Non o ve así o conselleiro delegado da lusa, Miguel Stilwell, que nesta segunda feira remarcou que “a actividade renovable produce relevantes achegas económicas aos municipios onde se localizan as súas instalacións, vía recadación fiscal, o que incrementa os recursos dos concellos para poder desenvolver plans e actuacións locais”.

“Ademais, axuda a impulsar o tecido industrial tanto a nivel rexional como local, coa resultante creación de emprego e investimento en infraestruturas no marco da transición enerxética", subliñou, palabras que distintas plataformas en diversos puntos da Galiza xa non cren.

Comentarios