Análise

Enerxía de proximidade

O economista e escritor Marcelino Fernández Mallo prosegue co ciclo de análises de Nós Diario.
É preciso avanzar cara a edificios autosuficientes mediante investimento en melloras e na instalación de cubertas con placas solares. (Ilustración: Álex Rozados)
photo_camera É preciso avanzar cara a edificios autosuficientes mediante investimento en melloras e na instalación de cubertas con placas solares. (Ilustración: Álex Rozados)

Ninguén pode negar hoxe en día que a enerxía sexa un dos capítulos esenciais de calquera política económica. Nesta liña, a Xunta pediu a unha consultora –non ao Inega, por certo– o deseño da Estratexia Enerxética Galega 2030. Descoñecemos cales foron as indicacións pero hai unha decisión previa que resulta transcendental: preferimos un modelo centralizado ou descentralizado? 

A maior parte da enerxía mundial prodúcese en sistemas centralizados, isto é, baseados en grandes unidades de produción dende onde se transporta a enerxía para os centros de distribución e, desde alí, ata o destino final. No traxecto dende o punto de produción ata o de consumo pérdese unha porcentaxe apreciable de enerxía. 

Por que a maioría dos modelos enerxéticos son centralizados? Hai dúas razóns bastante obvias: unha, o custo de produción, xa que a maior escala, serán teoricamente menores os custos unitarios; outra, o dominio dos grandes operadores que posúen un importante poder de negociación coas administracións nun sector altamente regulado. 

Nos últimos anos, o contexto alterouse de xeito tan radical que o modelo centralizado está poñéndose en cuestión. A demanda continúa a medrar e require unha maior eficiencia enerxética; o quecemento global obriga a reducir a dependencia dos combustibles fósiles; o progresivo deterioro do medio esixe redes de enerxía menos lesivas, non só co aire que respiramos, tamén co solo do que nos nutrimos; por último, o pernicioso sistema de formación dos prezos e a conxuntura global están a forzar unha escalada de custos inaturable para os consumidores. 

Inda que pareza un truco máxico, o modelo de xeración distribuída -ou descentralizada- da enerxía pode solucionar este diabólico conxunto de circunstancias. Baseados en fontes renovables, supoñen un alivio para o medio e melloran a eficiencia enerxética –menores perdas– do sistema, ao tempo que os consumidores se liberan da dependencia dos grandes grupos produtores e evitan a opresiva suba dos prezos. 

Como funcionaría en Galicia un modelo descentralizado da enerxía? 

Hai tres eidos principais de actuación: o residencial, o agrogandeiro e o industrial. No sector residencial é preciso avanzar cara a edificios autosuficientes mediante investimento en melloras substanciais do illamento térmico e na instalación de cubertas con placas solares, que poden localizarse nos propios edificios de consumo ou en edificacións próximas dende as que se subministra enerxía a unha comunidade.  

A enerxía de vivendas e oficinas nun modelo distribuído pode proceder tamén, en función das circunstancias, das chamadas redes de distrito de calor e frío. Son instalacións que producen enerxía a partir da calor residual de procesos industriais, fontes naturais xeotérmicas ou a utilización de residuos sólidos urbanos, e distribúena aos usuarios por canalizacións illadas, xeralmente subterráneas, a través de vapor ou auga. 

O sector agrogandeiro ten o gran reto de perseguir o autoabastecemento enerxético mediante o mix de placas solares, minieólicos, enerxía xeotérmica e biogás, dependendo da localización e o tipo de explotación. Aínda que as instalacións fotovoltaicas son o recurso máis recorrido na busca da autonomía enerxética, a tecnoloxía minieólica –procedente de xeradores de menos de 100 kWh cunha área de varrido inferior aos 200 m2– avanzou notablemente e ofrece xa rendementos satisfactorios sobre todo en territorios coma Galicia onde o vento ten unha presenza habitualmente maior có sol. A enerxía xeotérmica presenta un menor desenvolvemento pero é preciso explorar tamén as súas posibilidades. 

O biogás supón un caso específico digno de subliñar polo seu potencial nas explotacións de bovino (27.663 en Galicia en 2021 segundo o IGE). Trátase de xerar biogás a partir dos residuos orgánicos do gando. Os xurros reciben un tratamento de dixestión anaeróbica mediante o cal obteñen o biogás que posteriormente se purifica e transforma en enerxía eléctrica. 

Un esquema similar de combinación de enerxía solar, eólica e incluso xeotérmica pode reproducirse en polígonos industriais e nas factorías galegas con independencia da súa dimensión. En fábricas electrointensivas –caso de Alcoa–, o obxectivo de autosuficiencia sería difícil de acadar pero, sen dúbida, un modelo distribuído paliaría o efecto da elevación dos custos sobre o seu proceso produtivo. 

O modelo actual da Xunta

Seica aínda está a deseñar a súa estratexia enerxética pero hai indicios que fan dubidar da intención da Xunta a prol dun modelo descentralizado. Como exemplo, velaí o actual Plan sectorial eólico de Galicia que implicaría cubrir o rural galego con muíños de vento de ata 200 metros de altura. Faríase en polígonos delimitados dentro dos que as empresas promotoras gañarían o dereito de uso. Tal como está acreditado, os aeroxeradores provocarían un impacto negativo e significativo en canto a ruído, biodiversidade, paisaxe, solo, acuíferos e turismo.

Ademais dos graves efectos nas comarcas afectadas, os polígonos eólicos serían para o beneficio de empresas foráneas, apenas deixarían ingresos nos concellos onde se instalasen e servirían para que outras comunidades autónomas, principalmente Madrid, dispoñan da enerxía que precisan. Nada que ver cos efectos dun modelo distribuído como o que acabamos de expoñer. 

Apostar pola autonomía enerxética require fondos para equipamentos, renovación de instalacións, I+D, tecnoloxía, formación... Unha vez máis, a un sáltalle á cabeza a xigante oportunidade dos Next Generation. Aproveitará Galicia esa oportunidade? 

comentarios