Endesa e Naturgy non teñen garantido o seu futuro nas Pontes e Cerceda

O Ministerio de Transición Ecolóxica atribuirá a capacidade de evacuación que deixen as centrais térmicas aos proxectos que xeren máis postos de traballo

Central térmica de Meirama (Xoán Roberes).
photo_camera Central térmica de Meirama, en Cerceda. [Imaxe:Sermos Galiza]

O feche das centrais térmicas das Pontes e Cerceda presenta un futuro incerto para as persoas traballadoras destes concellos. As empresas Naturgy e Endesa, que foron as que tomaron a decisión de fechar atendendo a motivos económicos de viabilidade das mesmas, tampouco teñen o futuro asegurado. O Ministerio de Transición Enerxética que dirixe en funcións Teresa Ribera acaba de sentar un precedente que deixa no aire a súa participación nos futuros proxectos que se leven a cabo na zona.

Até o de agora, a capacidade de evacuación das centrais térmicas –o dereito a verter na rede e comercializar coa enerxía producida—quedaba nas mans “da primeira empresa que chegaba”. No caso da central térmica de Endesa en Teruel, a propia compañía eléctrica. Pero durante a súa visita a Zaragoza, a ministra anunciou que o Goberno vai realizar unha regra especial para que esta capacidade pase a mans da empresa que presente o proxecto que xere máis emprego.

“Esa regra especial que queremos activar para os proxectos que ofreza a mellor opción en emprego e enerxía na zona, supón a reflexión sobre un exercicio parecido a liberar unha concesión dun volume de auga empregado para a refrixeración da centrar, que pode ser empregado para outras cousas”, apuntou Ribera.  

Fondos para a transición xusta

Durante a súa intervención, a titular en funcións de Transición Ecolóxica, indicou que desde o Goberno español permanecerán “abertos e atentos” a outras posibilidades “para poder activar en dirección parecida”. Neste senso, lembrou que o Executivo contempla 600 millóns de euros para os acordos que se firmen a nivel estatal en materia de transición enerxética xusta para as zonas afectadas polos peches da minaría do carbón e as centrais térmicas que apostan por esta materia prima.

Comentarios