Endesa das Pontes, a industria máis contaminante no Estado e a décimo sétima en Europa

Expulsou á atmosfera 7,9 millóns de toneladas de CO2, segundo detalla un informe dos rexistros da Comisión Europea. Unha cantidade 2,2% inferior á do ano anterior.

Central das Pontes.

Na Galiza está a empresa máis contaminante do Estado español e a décimo sétima de Europa: Endesa das Pontes de García Rodríguez, que emitiu á atmosfera perto de 8 millóns de toneladas de CO2, un 2,2% menos que no ano anterior. A Comisión Europea deu a coñecer cales son as trinta empresas máis contaminantes e nela aparecen tres térmicas no Estado.

Diferentes colectivos levan anos demandando o feche das térmicas galegas. Na Galiza operan desde hai catro décadas dúas térmicas de carbón. A das Pontes é propiedade de Endesa. Naturgy (antes Gas Natural Fenosa) é propietaria da central de Meirama (Cerceda), á que xa se puxo data de feche. “Ambas as dúas provocaron 143 mortes prematuras durante 2016, foron responsábeis de  5.000 casos de síntomas de asma en nenos e nenas, de 106 novos casos de bronquite crónica e de 117 ingresos hospitalarios por problemas respiratorios e cardiovasculares. Os custos sanitarios por causa dos ingresos hospitalarios e mais da perda de 52.000 días de traballo estimáronse en até 430 millóns de euros”. Son dados que ofrece a plataforma ‘Galiza, un futuro sen carbón.

“As máis de 250 centrais de carbón que operan actualmente en Europa son responsábeis de 7.600 mortes prematuras anuais”, denuncian desde a rede Europe Beyond Coal.

Ramón Varela, doutor en Bioloxía, considera que as emisións das Pontes "son extremadamente  elevadas" tendo en conta que na Galiza se emiten "menos de 30 millóns de toneladas/ano por todas as fontes: centrais  térmicas, refinaría, industrias diversas, transporte, vivenda, comercio, hospitais... Por mor das térmicas das Pontes e Meirama, Galiza representa o 11,67% do total das emisións de dióxido de carbono do Estado, e estamos no 3º  posto por Comunidades".

Comentarios