Endesa comprométese a manter o traballo nas auxiliares até final de ano

O persoal das auxiliares, que esta mañá se fechou nas oficinas de Endesa na Coruña, logra dous meses de gracia até que a empresa atope unha alternativa á térmica.

Folga auxiliares Endesa
photo_camera [Imaxe: CIG] Folga das auxiliares Endesa o pasado 19 de setembro

O feche das traballadoras das auxiliares da central térmica das Pontes nas oficinas de Endesa na Coruña serviron para arrincar o compromiso da eléctrica de non reducir os traballos previstos até final de ano.

En declaracións a Sermos Galiza, Alberte Amando, representante da sección sindical de Industria da CIG, sinalou que este compromiso beneficiará a preto de 250 traballadores, incluíndo aos do porto exterior de Ferrol.

Neste sentido, aclarou que os traballos en cuestión son os que atinxen a mantemento, limpeza e porte de carbón. Tamén valorou a volta á actividade dun dos grupos da central pontesa para facer probas con outros combustibles, como é o caso dos lodos ou o bagazo de oliva, xa que permitirá soster a actividade aínda que a empresa decida parar a produción con gas.

Comentarios