Ence pon 441 escusas para non marchar de Pontevedra

Ence encarga un informe para xustificar que o traslado da factoría desde Lourizán a outra localización é inviábel.
Vista da factoría de Ence e da ría de Pontevedra. (Foto: Europa Press) #ence #celulosa #ríadepontevedra #traslado #pastera #industria #madeira #eucalipto
photo_camera Vista da factoría de Ence e da ría de Pontevedra. (Foto: Europa Press)

A pasteira Ence segue coa idea de non moverse de Lourizán, salvo que a sentencia da Audiencia Nacional sobre a prórroga da concesión lle obrigue a mudar os seus plans. 

Desta vez, a empresa de celulosa vén de presentar un informe co que asegura que "non é posíbel" o traslado da planta de Lourizán a ningunha das 441 áreas empresariais que contempla o plan sectorial da Xunta e que, segundo indican desde a empresa, son os únicos lugares do país onde se pode instalar unha factoría destas características. 

O documento, realizado pola empresa Idom, analiza aspectos relevantes, como a superficie do terreo, a posibilidade de captación de auga próxima ou o modelo territorial definido polas directrices de ordenación do territorio, entre outros.

Con base nestes parámetros, o documento, indica a empresa, identifica sete posíbeis localizacións para explicar as razóns polas que tampouco nelas sería viábel situar unha planta de produción de pasta de papel como a de Ence en Lourizán.

Estas localizacións que tamén rexeita son o polígono industrial do lago de Meirama; o parque empresarial Encrobas 1; o polígono industrial de Vilar do Colo, en Fene-Cabanas; o polígono industrial A Boeira; o de Penapurreira, nas Pontes; Braña do Can, en Teo-Santiago, e o polígono industrial Chan de Amoedo en Pazos de Borbén.

No caso do lago de Meirama, aduce argumentos  tan forzados como que "non se pode asegurar a dispoñibilidade de auga nin a descarga do efluente", ou a servidume que limita a altura pola proximidade do aeroporto da Coruña, mesmos argumentos polos que rexeita o das Encrobas 1.

A dispoñibilidade de auga é tamén a escusa no de Vilar do Colo, xunto ao "elevado impacto paisaxístico", cuestión que non parece importarlle en Pontevedra, e tamén no de Boeira.

No de Penapurreira, di que "a construción da canalización do efluente afectaría a espazos naturais protexidos", mentres que no de Braña do Can, chama a atención o "elevadísimo consumo enerxético de bombeo", máis aló doutros factores, como o impacto paisaxístico (visíbel, desde o Gaiás e desde a Catedral de Compostela).

Finalmente, en Chan de Amoedo, "a captación e a vertedura serían practicamente inviables", conclúe a pasteira.

Comentarios