Ence perde 25 millóns de euros no primeiro semestre do ano 2020

No mesmo período de 2019 rexistrara outros 25 millóns, pero en beneficios
Planta de Ence en Pontevedra (Foto: Nós Diario).
photo_camera Planta de Ence en Pontevedra (Foto: Nós Diario).

Ence Enerxía e Celulosa rexistrou unhas perdas de 25,4 millóns de euros no primeiro semestre do ano, fronte a un beneficio neto atribuíbel de 25 millóns de euros no mesmo período do exercicio anterior, segundo informou a compañía.

A cifra de negocios do grupo  papeleiro e de enerxía de Pontevedra no período de xaneiro a xuño alcanzou os 362 millóns de euros, cun descenso de 6,3% con respecto ao primeiro semestre de 2019. O resultado bruto de explotación (Ebitda) da compañía a feche de xuño situouse nos 35,7 millóns de euros, cun recorte de 61,3% con respecto ao mesmo período do anterior exercicio.

Soben a produción e as vendas de celulosa

Ence aumentou a súa produción de celulosa en 14% interanual no segundo trimestre e 12% na primeira metade do ano, como resultado das ampliacións de capacidade efectuadas en 2019.

Mentres, as vendas de celulosa melloraron un 13% interanual no segundo trimestre e un 19% na primeira metade do ano. O 94% destináronse ao mercado europeo e un 57% ao segmento de papel  hixiénico.

Por áreas de negocios, o Ebitda de Celulosa alcanzou os 3,4 millóns de euros no segundo trimestre e os 8,9 millóns de euros na primeira metade do ano, o que supón un descenso de 87% respecto ao primeiro semestre de 2019, debido principalmente á caída de 29% no prezo medio de venda.

A débeda financeira neta do grupo a feche do semestre ascendía a 540 millóns de euros, dos que 322 correspondían ao negocio de Celulosa e 218 millóns de euros ao de Enerxía Renovábel, con vencementos a longo prazo en ambos os negocios e sen límites de endebedamento no primeiro sector.

Comentarios