Ence inicia a súa estratexia para ficar: cifra en 185 millóns de euros o cesamento da actividade

Feixoo sitúase como valedor máximo da pasteira en Lourizán: critica unha decisión que, afirma, deixará sen emprego 5.000 persoas.

ENCE factoria pasteira

A pasteira Ence cifrou en por volta de 185 millóns de euros o impacto do cesamento de actividade após a negativa do goberno español  a defender a prórroga da concesión á empresa na Ría de Pontevedra outorgada polo executivo do PP en funcións en xaneiro de 2016.

"No improbábel suposto de que se producise o cesamento de actividade, tería lugar un impacto único extraordinario ('one-off') na conta de resultados da contorna de 185 millóns", afirma nun comunicado remitido á Comisión Nacional do Mercado de Valores (CNMV).

Desta cantidade, 74 millóns de euros terían impacto en caixa, dos cales 43 millóns corresponderían a actuacións de desmantelamento, 16 millóns á cancelación de contratos en vigor e 15 millóns ao custo dun expediente de regulación de emprego (ERE) de extinción total.

Nestas horas o presidente da Xunta Feixoo solicitou ao goberno de Pedro Sánchez que dea explicacións pola decisión respecto á pasteira. Afirma que a decisión deixará sen emprego 5.000 persoas e sen ingresos por volta de 80.000 familias.

Comentarios