As empresas con filiais en paraísos fiscais poderán recibir axudas do Goberno español pola COVID-19

O artigo do acordo con patronal e sindicatos UXT e CCOO exclúe das axudas explicitamente as que teñan sedes en paraísos fiscais mais non menciona as filiais, o que si fan outros Gobernos europeos.

Ibex 35
photo_camera Ibex 35

“As empresas e entidades que teñan o domicilio fiscal en países ou territorios cualificados de paraísos fiscais de acordo coa normativa vixente non poderán acollerse aos expedientes de regulación temporal de emprego regulados no artigo 1 deste real decreto lei”.

O artigo 5 do acordo asinado esta segunda feira entre o Goberno español, a patronal e os sindicatos UXT e CCOO menciona explicitamente as empresas que teñan sede, domicilio fiscal nos paraísos fiscais, mais non menciona as filiais, de aí que desde diferentes medios e organizacións se aponte a que, finalmente, as sociedades con presenza neses paraísos si que poderán beneficiarse das axudas do Executivo estatal pola COVID-19.

“O Estado español non segue o exemplo de Francia, Dinamarca ou Polonia”, indican no dixital catalán Vilaweb, tres estados nos que decidiron que ficaban á marxe das axudas dos gobernos non só as empresas que tivesen a súa sede en paraísos fiscais senón tamén as que tivesen filiais.

A través das redes sociais, Néstor Rego, deputado nacionalista galeo no Congreso, incidía en que o artigo do acordo non exclúe das axudas ás empresas con filiais en paraísos fiscais: “Unha cousa é a propaganda e outra a realidade”, concluía.

Evasión e elusión

A evasión e elusión de impostos é unha industria, un verdadeiro sector económico que coñecen moi ben as grandes empresas españolas. As firmas do exclusivo IBEX35 tiñan en 2017 máis de 1.200 filiais en paraísos e nichos fiscais. Banco Santander, ACS, Repsol, OHL.... saben ben tirar proveito dos ángulos mortos da regulación para que unha parte considerábel dos seus inxentes beneficios non teñan que tributar.

O informe do Observatorio de Responsabilidade Social Corporativa (RSC) de 2017 cifraba en 1.285 as filiais en nichos ou paraísos fiscais das empresas que fan parte do IBEX35. Un número que supoñía 40% máis que no ano anterior, contabilizando sociedades operativas e non operativas.

Estamos a falar de miles de millóns de euros non declarados, de impostos e tributos que non se pagan, coas súas negativas consecuencias para as arcas públicas.

Desas 1.285 sociedades das grandes empresas, o 36% delas están radicadas en Delaware, nos Estados Unidos de América. Son 463 filiais, o 81% delas domiciliadas en dous enderezos específicos de Wimington, unha cidade de apenas 70 mil habitantes.

Aquí atopamos 50 sociedades dependentes da ACS de Florentino Pérez, matrices de Ferrovial, 6 sociedades da OHL de Villar Mir, 4 de Sacyr... Delaware é o paraíso para as filiais creadas por estas empresas: os impostos que se pagan son moi baixos; protexe o secreto de privacidade dos propietarios; pódese crear unha sociedade nun día e sen estar fiscalmente radicados nese estado; se non ten actividade en Delaware, a firma non paga impostos...

Comentarios