Ás empresas preocúpalles a 'hibernación'

O Goberno español adoptou este domingo novas medidas restritivas no eido empresarial, que na práctica se traducen na "hibernación" da economía. Desde a patronal, critican a "inoportunidade" destas medidas e os sindicatos, pola súa banda, a improvisación e a falta de axudas para paliar os seus efectos.
Traballadora e traballador nunha praza de abastos (Federación de comercio da Coruña).
photo_camera Traballadora e traballador nunha praza de abastos (Federación de comercio da Coruña).

A aprobación dun novo paquete de medidas por parte do Goberno español este domingo nun Consello de Ministras extraordinario supón un novo golpe á economía galega, que entra en estado de hibernación co obxectivo de frear o avance do coronavirus e evitar o colapso das UCI e centros hospitalarios.

Até o vindeiro 9 de abril (o primeiro día festivo da Semana Santa) deberán quedar na casa as traballadoras que non presten servizos esenciais. Para iso, o Executivo de Pedro Sánchez artellou un permiso retribuído recuperábel

Yolanda Díaz, ministra de traballo, asegura que con esta fórmula, "ninguén perde dereitos". As traballadoras quedarán na casa, con soldo pero non de vacacións, xa que as horas non traballadas deberán devolverllas á empresa antes de que remate o exercicio. Quedan fóra desta medida as persoas que teletraballan ou as que están afectadas por un Expediente de Regulación de Emprego (ERTE) e as que están de baixa por incapacidade temporal, maternidade ou paternidade

O decreto, que non se publicou até a medianoite do domingo, incluía tamén unha moratoria para aqueles casos nos que resulte imposíbel interromper de modo inmediato a actividade. Así, estas empresas gozaron dun día máis para realizar as tarefas que permitan facer efectivo o permiso retribuído recuperábel sen prexudicar de maneira irremediábel ou desproporcionada o reinicio da actividade.

Para os sindicatos, estas medidas dan mostra da "improvisación" con que está a actuar o Goberno neste asunto e a súa "incompetencia". Así o ven desde a CIG. O seu secretario xeral, Paulo Carril, denunciou que estas decisións están provocando centos de miles de despedimentos, de ERTE e a conseguinte desprotección de moitos colectivos. Neste senso, advertiu que o feito de non se aprobar un plan de choque social para paliar as consecuencias destas medidas na clase traballadora. Pola súa banda, CCOO e UXT apoiaron as medidas do Goberno, ao advertir de que a sanidade é prioritaria fronte á baixada da actividade.

Alerta da patronal

Pola súa banda, a Confederación de Empresarias da Galiza (CEG) tamén criticou as medidas do Goberno español e que, segundo advirten, "ameazan con crear unha crise económica e social sen precedentes".

Nun comunicado, a patronal lamentou que esta decisión, que chega "con total inoportunidade" ao producirse a final de mes, "non fixo máis que contribuír ao desconcerto e á incerteza do empresariado e das traballadoras". Para a Confederación de Empresarias as decisións deste calado, e máis en momentos de crise, "deben ser moi meditadas e equilibradas" para evitar "o agravio da situación xa de seu dramática" que atravesan as empresas durante estas semanas.

Por outra banda, en relación aos Expedientes de Regulación Temporal de Emprego (ERTE), a patronal galega considera que o mecanismo facilitado polo Goberno español para a súa execución "non resultou ser un cheque en branco de flexibilidade como a que se precisa nestes momentos", segundo a súa opinión.

Comentarios