domingo 23/01/22

As empresas e as autónomas aférranse aos préstamos do ICO para sobrevivir

Abanca e Sabadell xestionaron operacións avaladas polo ICO por valor de 1.850 millóns
Sede do Instituto de Crédito Oficial (ICO).
Sede do Instituto de Crédito Oficial (ICO).

Contar co aval do Instituto de Crédito Oficial (ICO) á hora de solicitar un préstamo é unha oportunidade que moitas empresas e autónomas galegas non puideron deixar pasar, ben por necesidade ou por aproveitar a ocasión para mellorar a liquidez dos seus negocios. 

Nas primeiras liñas de avais, que coincidiron cos meses máis duros até o momento da crise sanitaria pola COVID-19, as empresarias acudiron en masa a realizar este tipo de operacións. Como recoñecía esta terza feira Abanca na presentación dos resultados do primeiro trimestre, o número de operacións de crédito avaladas polo ICO xestionadas pola principal entidade por cota de mercado na Galiza ascenderon a 9.469 para pemes e autónomas, cun total de 893 millóns de euros. A estas hai que sumar as de Corporativa, outras 364 operacións por valor de 547 millóns de euros.

Outra das entidades de referencia no país, o Sabadell Gallego, herdeiro do negocio do Banco Gallego, aprobou máis de 1.800 operacións por valor de 405 millóns de euros para dotar de liquidez pemes e autónomas. Entre as dúas suman case 2.000 millóns de euros concedidos en pouco máis de mes e medio. Santander, BBVA e Caixabank confirmaron a Nós Diario que non dispoñen de datos territorializados sobre o número de operacións realizadas. 

Nova vaga de avais

O número de millóns concedidos nas operacións avaladas polo ICO seguirá aumentando nos próximos días, xa que o Consello de Ministras aprobou na súa última reunión un terceiro tramo de avais para empresas por importe de 24.500 millóns de euros

Este terceiro tramo da liña ICO está destinado á concesión de créditos para financiamento cuxo importe total se repartirán pemes e autónomas por unha banda, e empresas por outra. 

Como explicou a ministra de Facenda, María Jesús Montero, na rolda de prensa posterior ao Consello, as entidades bancarias non poderán repercutir ningún custo financeiro nin vinculalos á contratación de ningún outro produto, impedindo así prácticas denunciadas por algunhas usuarias. "Imos suxeitando as liñas a vixilancia e reforzando algunhas cuestións", apuntou a ministra.   

Outro dos puntos que se reforzará é a obriga das firmas beneficiarias dos avais de empregar o financiamento obtido a facer fronte a necesidades de liquidez, como xestión de facturas, pago de nóminas ou a provedores, necesidade de circulante ou vencementos de obrigas financeiras e tributarias. En ningún caso para o pagamento de dividendos. 

O único requisito que deben cumprir as empresas solicitantes para acceder a estas garantías é o de non estar en situación de morosidade a 31 de decembro de 2019, ou en procedemento concursal a 17 de marzo de 2020.

Unha vez se habilite o novo tramo de avais, terase consumido xa máis de 60% dos 100.000 millóns de euros consignados no programa de axuda de financiamento ás empresas. Esta liña está xestionada polo ICO, en colaboración coas entidades financeiras, que son as que asumen o custo do aval, que se sitúa nun rango de entre 20 e 120 puntos básicos.

A información galega está na túa man!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

As empresas e as autónomas aférranse aos préstamos do ICO para sobrevivir
comentarios