Empresario agrede en Vigo a tres traballadoras que facían un escracho por impago de salarios

Tres persoas denuncian o propietario de Mariel Boutiques da cidade viguesa por agresións e insultos, segundo informan desde a CIG. Dúas delas tiveron que ser atendidas en urxencias após unha protesta autorizada fronte á casa do empresario

Protesto de operarias de Mariel
photo_camera Protesto de operarias de Mariel

Tres traballadoras presentaron unha denuncia na Policía española por insultos e agresións contra o propietario da cadea de tendas de roupa viguesa Mariel Boutiques. Dúas delas tiveron que ser atendidas en urxencias, informan desde a CIG, após unha protesta autorizada diante da casa do empresario. Un protesto que tiña como finalidade reclamar o pago dos salarios e da indemnización que lle adebeda a unha empregada despedida.

As agresións e os insultos tiveron lugar, sinala a central sindical,perante á vivenda do propietario de Mariel Boutique, en Lavadores, durante a concentración de protesta convocada pola CIG-Servizos para reclamar o pago dos salarios e da indemnización pendentes tras o despedimento dunha empregada. Esta afectada foi precisamente a que presentou a denuncia por insultos contra o empresario, mentres que dúas compañeiras da central nacionalista que a acompañaban na protesta denunciárono por agresión.

"Baixou do coche bateu a unha compañeira que caeu no chan e volveu subir ao coche para fuxir, batendo contra outro vehículo"

Dende a central nacionalista explican que o propietario da cadea de tendas de roupa comezou a increpar os participantes na mobilización, unhas 10 persoas, nada máis abandonar a vivenda no seu vehículo. “Entón baixouse do coche e achegouse até o grupo, para a continuación darlle un forte golpe a unha compañeira que a fixo caer de costas contra o chan”, indican testemuñas presenciais.

Despois subiuse de novo ao seu turismo e intentou fuxir a toda velocidade, empotrándose contra o vehículo no que chegaba outra das feridas para participar na protesta.

Comentarios