As empresarias pontevedresas deciden ficar dentro da patronal

A asemblea da Confederación de Empresarios de Pontevedra (CEP) rematou co acordo para manterse dentro da CEG "por responsabilidade". O empresariado decidiu que fornecerá un "tempo de gracia" á nova presidencia que saia das eleccións de xaneiro.
Asemblea do empresariado de Pontevedra. (Foto: Europa Press)
photo_camera Asemblea do empresariado de Pontevedra. (Foto: Europa Press)

A Confederación de Empresarios de Pontevedra (CEP) decidiu esta segunda feira, na súa asemblea ordinaria, adiar a súa posíbel saída da Confederación de Empresarios da Galiza (CEG) debido á inestabilidade que vive a institución desde hai varios anos.

A patronal pontevedresa comunicara a súa intención de deixar o organismo de ámbito nacional polas leas e enfrontamentos internos que se suceden cada certo tempo.

Aliás, hai unha disconformidade coas últimas eleccións e o feito de que unha das candidaturas se eliminase a última hora (cando xa había votos telemáticos) e de que o presidente, José Manuel Díaz Barreiros, deixase de forma precipitada o cargo dous días despois de acceder ao mesmo.

No entanto, esa intención de distanciarse queda de momento no aire. As e os empresarios votaron manterse no seo da CEG por “responsabilidade” no actual contexto económico e social, se ben instan a que haxa un “tempo de reflexión”.

O presidente da CEP, Jorge Cebreiros, concretou que teñen dúbidas sobre a “precipitada” nova convocatoria de eleccións para xaneiro após como rematou a última presidencia.

Non aceptará retirada de candidaturas

De feito, hai certas condicións para seguir formando parte da patronal galega. En primeiro lugar, Pontevedra non presentará ningunha candidatura a dirixir o colectivo para que non se acuse á CEP “de romper un teórico consenso”. Tampouco impulsará reunións pero si solicita esa liña de consenso no país.

A idea é estudar as candidaturas e, no caso de que haxa nova presidencia (é a cuarta convocatoria en ano e medio, dúas quedaron desertas e a terceira marcou unha etapa que durou dous días) ofrecer “un tempo de gracia” para ver como se xestiona a Confederación até o 31 de marzo.

Porén, non aceptará retirada de candidaturas a última hora tendo en conta que os comicios son parcialmente telemáticos e comezan días antes do nomeamento.

Comentarios