Empresariado galego advirte que suba do IVE vai supor destrución de empregos e negocios

Rede Galega de Empresas alerta do impacto negativo da medida en autónomos, pemes e familias galegas.Instan á patronal galega a que amose o rexeitamento a esta medida

A suba do IVE é segura. Só falta coñecer cando se decidirá (e aplicará) e a qué produtos afectará en maior ou menor medida. Ante este escenario, desde a Rede Galega de Empresas xa se advirte que un incremento do pode ser "devastador", en palabras do membro da directiva, Manuel Vázquez, para o tecido produtivo da Galiza. "Non esquezamos que estamos a falar de autónomos e de pequenas e medianas empresas, que son a maior parte da nosa economía", indica Vázquez.

Autónomos e pemes serían os máis afectados no tecido empresarial por esta medida

Desde a Rede apuntan a que o dano da suba do IVE vai castigar ás familias, que comprarán menos bens de consumo, e iso terá a súa consecuencia en que nas empresas haberá menos ventas. A conclusión, sinala do membro da directiva da entidade, é que iso derivará en despidos, peches e perdas de postos de traballo

Preto de 900 euros máis ao ano por familia

A Rede Galega de Empresas bota man dun estudo da Organización de Consumidores e Usuarios (OCU) para afirmar que o incremento do Imposto de Valor Engadido (IVE) pode supor de media un custe de case 900 euros por familia e ano no caso de que esa suba repercutise totalmente nos e nas consumidoras. "E tod@s sabemos cal é a situación hoxe da maioría das familias galegas", sinala Manuel Vázquez, para apuntar a que de producirse ese incremento terían que recortar nas compras.

Mais a Rede tamén indica que esa medida suporá agravar a situación das actividades económicas relacionadas co sector primario galego, o cultural ou o de lecer, entre outros moitos. Un dos máis prexudicados pode ser o comercio, turismo e hostalaría, dos que viven milleiros de galeg@s.

Chamada ás organizacións empresarias e de autónomos

Esta entidade considera que as organizacións representativas empresariais e de autónomos da Galiza deben xa mostrar o seu desacordo cun incremento do IVE, "que vai prexudicar a amplos sectores económicos e emrpesariais". De aí que a Rede inste á patronal galega, "si de verdade quere un sector empresarial galego forte", a oporse a unha suba do IVE "e desmarcarse da patronal española, que xa tend ado o seu apoio á medida aínda que dí que non lle gusta". 

O ministro Montoro sinala o camiño

Hoxe mesmo, o ministro de Hacienda y Administraciones Públicas, Cristóbal Montoro confirmou, nun curso de verán da Universidade Compluetense, que o Goberno traballa na suba do IVE. E, alén diso, apuntou a que se está nunha etapa de tránsito tendente a unha fiscalidade máis indirecta.

Comentarios