Os empregos medran no Estado español a un ritmo 56% superior que na Galiza

Mentres a tendencia no conxunto do Estado español é de diminución do emprego a tempo parcial, até 28,4% dos novos traballos xerados na Galiza en 12 meses foron nesta modalidade.
A proporción de persoas que estudan e traballan ao mesmo tempo incrementouse desde 11% a 16,4% en tan só dous anos (Fotos: Nós Diario).
photo_camera A proporción de persoas que estudan e traballan ao mesmo tempo incrementouse desde 11% a 16,4% en tan só dous anos (Fotos: Nós Diario).

A creación de emprego no Estado español avanzou a un ritmo 56,6% superior que na Galiza nos 12 meses transcorridos entre o segundo trimestre de 2021 e de 2022, data na que se difundiu a última Enquisa de Poboación Activa (EPA) do Instituto Estatal de Estatística (INE).

Deste modo, na Galiza aumentou o emprego en 28.500 persoas traballadoras nese período, o que significa unha suba de 2,65% da cantidade de persoas empregadas. O conxunto do Estado español, pola súa parte, avanzou a unha velocidade superior na recuperación do emprego despois da crise da pandemia.

Así, durante o mesmo espazo de tempo, aumentaron as persoas empregadas a nivel estatal en 796.400 persoas, un incremento de 4,05%. Tomando como base a taxa de crecemento dos empregos no Estado, a da Galiza, de 2,65%, avanza a un ritmo de recuperación de postos de traballo 37% inferior.

Ademais, segundo o Monitor Adecco de Oportunidades e Satisfacción no Emprego na Galiza sobre conciliación persoal e profesional e oportunidades de emprego e desenvolvemento, mentres que no conxunto do Estado español se experimenta unha clara tendencia de retroceso da parcialidade no emprego, esta aumenta na Galiza.

No Estado, cunha suba das persoas con emprego de 4,05% entre o final do segundo semestre de 2021 e do 2022, diminuíu en 17.100 os empregos a tempo parcial. Mentres tanto, a Galiza, cun ritmo menor de creación de emprego, aumentou en 8.100 os empregos a tempo parcial, pasando de supor a parcialidade no emprego de 13,1% a 13,8% dos contratos asinados. 

Estas cifras significan ademais, que mentres a parcialidade no eido laboral baixa no conxunto do Estado español, até 28,4% das novos empregos na Galiza neste período de 12 meses foron a tempo parcial.

Unha parcialidade que tamén está relacionada coa cantidade de persoas que estudan ao tempo que traballan, un colectivo que aumenta no seu número de persoas diante da importante crise inflacionista que se está a vivir na Galiza, onde os prezos aumentaron en xullo en 11,5%, sete décimas por riba da taxa interanual do Estado.

Desta forma, a proporción de persoas ocupadas que cursan estudos na Galiza aumentou de forma consecutiva durante os últimos oito trimestres, chegando a ser no segundo trimestre de 2022 de 16,4%, o que constitúe unha suba de 5,4 puntos porcentuais con respecto a dous anos antes, cando a taxa era de 11%. 

Por outra parte, até 11 territorios do Estado español, entre eles a Galiza, experimentaron no segundo trimestre de 2022 a súa taxa de emprego máis baixa desde o ano 2009. 

No caso galego, a taxa de paro de 11% no segundo trimestre de 2020, trátase da menor desde marzo de 2009. Porén, as cifras de paro da Galiza tan só se atopan por baixo das experimentadas en Grecia (14%) e do Estado español (13,5%) no conxunto da Unión Europea (UE). 

Así, a Galiza atópase moi lonxe dos Estados que experimentan mellores cifras de emprego no ámbito da UE, como son a República Checa (2,6%), Polonia (3,2%) e Alemaña (3,3%), até oito puntos porcentuais inferiores ao dato de desemprego galego, así como da veciña Portugal, cunha taxa de paro de 6,3%.

O parque empresarial galego medra menos que o do Estado 

Após as caídas durante 2020 e parte de 2021, o parque empresarial galego comezou a recuperarse. O número de empresas en relación coa poboación creceu 2,1% interanual, chegando a 30,3 firmas por cada mil habitantes, o maior rexistro desde marzo de 2020.

Porén, faino a menor ritmo que no conxunto do Estado español, onde no segundo trimestre de 2022 o número de empresas en relación coa poboación aumentou 2,4% interanual.

Comentarios