O emprego creceu de media no Estado o dobre que na Galiza entre 2020 e 2023

O Idega presentou esta sexta feira na Coruña o seu informe sobre a economía galega en 2023. O documento constata un comportamento desigual no mercado de traballo, que non recupera os niveis de emprego previos a 2008, e alerta dun aumento da precariedade asociada ao medre da contratación temporal nos servizos.

Idega
photo_camera A profesora Dolores Riveiro; o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso; o director de Caixa Rural Galega, Jesús Méndez, e o profesor Melchor Fernández presentando onte na Coruña o informe do IDEGA sobre a economía galega en 2023. (foto: Europa Press).

O informe anual sobre a economía galega promovido polo Instituto de Estudos para o Desenvolvemento da Galiza (Idega) da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e que conta co apoio da Deputación da Coruña e de Caixa Rural Galega é desde hai décadas un traballo de referencia para coñecer a situación económica no país. O relatorio, coordinado polos profesores da área de Fundamentos da Análise Económica da USC Roberto Bande e Dolores Riveiro achega “o resultado da análise detallada da evolución da economía galega ao longo de 2023, ofrecendo unha visión integral dos principais fitos económicos, laborais e sectoriais”.

A economía galega. Informe 2023 fornece estudos sobre o contexto macroeconómico, o mercado de traballo, o sector agrario, a pesca, a industria, o sector exterior, a construción, os servizos, o sector turístico e o sector público e están elaborados por un grupo de profesorado e persoal investigador da USC como Belén Fernández, Roberto Bande, Melchor Fernández, Edelmiro López, Bernardo Valdés, Gonzalo Rodríguez, Juan José Ares, Diana Fernández, Dolores Riveiro, Manuel Vilas, María José Piñeiro, Miguel Pazos e Miguel Angel Vázquez.

A profesora da USC Dolores Riveiro sinala a Nós Diario que “a través dos informes do Idega podemos seguir con perspectiva histórica a evolución da economía galega e ofrecer información e coñecemento ao conxunto da sociedade”. Neste sentido, apunta que “o informe deste ano mantén a estrutura dos anteriores, pero decidimos introducir un capítulo específico sobre o turismo polo desenvolvemento e importancia que está alcanzando nos últimos tempos”. Asemade, resalta que “a economía galega ten tres retos que enfrontar: a transición enerxética, a transformación dixital e o reto demográfico coa incorporación da poboación inmigrante”.

As novas dinámicas laborais

Riveiro destaca as novas dinámicas que se están a xerar no mercado de traballo coa chegada da poboación estranxeira. A este respecto, o profesor área de Fundamentos da Análise Económica da USC Melchor Fernández desvela a Nós Diario que “en termos netos todo o emprego que se creou na Galiza no último ano foi de inmigrantes”. Así, incide no "elevado incremento da ocupación entre a poboación estranxeira, especialmente no ano 2022” e destaca que “a diferenza do que acontece no resto do Estado, a práctica totalidade dos inmigrantes que chegan a Galiza son venezolanos, polas propias relacións históricas entre os países, e colombianos”.

Fernández, que asina co tamén profesor e colaborador de Nós Diario Roberto Bande o capítulo do informe referido ao mercado laboral, apunta como principais tendencias deste nos últimos anos “o positivo dinamismo da ocupación total, mostrando un incremento máis intenso nas mulleres que nos homes, pero con tendencia a igualarse en 2023, o notábel aumento relativo até 21% no emprego con estudos primarios e a redución do emprego con maiores niveis de cualificación formal e por sectores económicos e o medre de ocupación nos servizos, cun fortísimo crecemento na hostalaría, que continúa sen alcanzar na Galiza os niveis previos á pandemia e que está acompañado dunha diminución da ocupación nos servizos sanitarios e sociais”.

O relatorio constata, desta maneira, un aumento do emprego. A este respecto, Fernández lembra que entre “2020 e 2023, a ocupación na Galiza medrou en 54.300 persoas de media anual. En España a recuperación da ocupación foi moito máis intensa durante estes tres anos, dobrando a variación relativa galega, un 10,3% fronte ao 5,1%”. Porén, matiza que “o número de horas traballadas continúa por baixo dos niveis previos á pandemia e o número de ocupados é inferior ao do ano 2008”, algo que non acontece coa media estatal. Aliás, indica que “Galiza amosa unha taxa de emprego claramente inferior á española”, isto é o indicador que mide a porcentaxe de poboación en idade de traballar que conta cun emprego.

O factor demográfico

O informe analiza os datos do desemprego na Galiza. A este respecto, explica que a caída da poboación e o seu envellecemento reduce as taxas de paro e aclara que “o maior peso da poboación de máis idade na Galiza ten como efecto directo unha menor participación global no mercado de traballo. En 2023, a taxa de actividade galega das persoas maiores de 16 anos é case 6 puntos porcentuais menor que a española; 58,8% fronte ao 53%, valores similares aos estimados nos últimos anos. A menor participación facilita un mellor dato laboral en termos de taxa de paro, pero supón unha maior carga social e económica para a poboación ocupada, como vén ocorrendo na Galiza desde hai moitos anos, e o impacto nos mesmos do envellecemento”.

Fernández entende que “as políticas activas do mercado laboral na Galiza deben ter como un dous seus focos principais acomodar os efectos do cambio demográfico”. Considera que “unha poboación máis envellecida ten efectos significativos en moitos dos indicadores que usamos para caracterizar a saúde do mercado laboral e pode utilizarse como un indicador adiantado dos retos que debe afrontar a economía galega no futuro”.  A este respecto, o profesor conclúe que “coñecemos desde hai tempo a dirección do cambio demográfico e temos estimacións precisas da súa intensidade nas diferentes ocupacións e actividades. Agora toca tomar medidas correctoras”.

Os niveis de ocupación na Galiza continúan por baixo do ano 2008

O profesor da área de Fundamentos de Análise Económica da Universidade de Santiago de Compostela Melchor Fernández apunta que a dinámica do emprego na Galiza está marcada “pola negativa evolución da afiliación no Réxime Especial de Traballadores Autónomos, determinada pola perda continua de empregos no sector primario, na construción e no comercio” e pola “estacionalidade das afiliacións á Seguridade Social, con picos de afiliación nos meses de xullo e agosto, en especial marcados na afiliación ao Réxime Xeral da Seguridade Social”.

Fernández destaca “o diferencial negativo na recuperación do emprego na Galiza fronte á evolución do conxunto de España”. Nesta liña, sinala que esta é unha realidade certificada tanto pola Enquisa de Poboación Activa (EPA), como polos datos de afiliacións á Seguridade Social ou as estimacións de emprego recollidas nas contas trimestrais. Asemade, salienta que “Galiza, en 2023, acelerou a recuperación do emprego en relación ao ano 2022, como todas as comunidades autónomas, en especial as economías menos dinámicas no ano anterior”.

Os niveis de emprego na Galiza atópanse en niveis inferiores a 2009. Só no sector da industria, perdéronse 42.000 empregos entre esa anualidade e 2023. Así, a industria daba emprego en 2009 ao 18% das persoas ocupadas do país e ao remate de 2023 descendeu até o 14,7% dos traballos no mercado laboral galego, 3,3 puntos porcentuais menos. Neste período, só o sector servizos superou a ocupación previa á coñecida como Gran Recesión

Comentarios