O Borbón sóbese o soldo en 2013

Fronte a queda de salarios d@s empregad@s públic@s cuxo poder adquisitivo caeu perto dun 30%, Juan Carlos I recupera o soldo de 2011. O príncipe, tamén incrementará a súa remuneración este ano.
El-Rei e o príncipe cobrarán 292.752 euros brutos e 146.376 euros, respectivamente.
photo_camera El-Rei e o príncipe cobrarán 292.752 euros brutos e 146.376 euros, respectivamente.

Malia que o pasado ano a Casa Real decidise rebaixar o salario do monarca --e demais familia-- Juan Carlos I vén de se subir a contía que anualmente percibe. Aliás, aumentou o soldo do seu fillo. Ambos os dous cobrarán a partires deste ano as mesmas cantidades que en 2011: 292.752 euros brutos e 146.376 euros, respectivamente.

Así pois, o xefe do Estado español vulnera a lei e recupera o pagamento extraordinario de Nadal fronte a calquera outr@ traballador/a públic@ cuxo soldo se viu reducido perto do 30% en relación aos últimos cinco anos ficando nun poder adquisitivo semellante ao de 2003. Esta queda débede ás conxelacións e reducións salariais aprobadas desde o executivo español.

A Casa Real conta cun orzamento de 7,9 millóns de euros ao ano

Neste senso, a Casa Real contará neste 2013 cun orzamento total de 7,9 millóns de euros. Porén, esta cifra non abrangue as viaxes ao estranxeiro --financiadas polo Ministerio de Exterior, tampouco así a seguridade nin os vehículos --cuxos gastos asume o Ministerio de Interior e Facenda. Aliás, o Rei non se encarga do mantemento das propiedades tirularidade da Casa Real, que son financiadas como gastos pertencentes á partida de Patrimonio.

A información, feita pública a pasada segunda feira, toma parte do curto informe achegado polo gabinete de comunicación do monarca, pois nin o Tribunal de Contas nin as Cortes españolas controlan en que inviste perto de 8 millóns de euros a Casa Real. En 2011 o Borbón publicou por vez primeira as principais partidas en que se investían os fondos públicos que anualmente lle son outorgados, en grande medida motivado polos múltiples escándalos dos que está a ser protagonista a Casa Real.

Comentarios