mércores 20/01/21

Os efectos da pandemia agudizan as eivas do mercado laboral xuvenil galego

Entre o terceiro trimestre de 2019 e o mesmo de 2020 Galiza perdeu 8.900 mozos e mozas en idade de traballar. A temporaliade e a precariedade empurran a xente nova a continuar a formarse ou a emigrar.
mocidade (Arxina)
mocidade (Arxina)

Un mercado laboral precario e inestábel no que abundan os altos índices de temporalidade. É a descrición que fixo UXT en 2019 sobre as perspectivas de traballo da mocidade galega  cando se cumpría unha década do inicio da crise da banca e do ladrillo. Nun informe, destacaba que entre 2010 e 2017 as persoas de entre 25 e 34 anos viran reducido o seu salario en 3,5%, mentres que no conxunto de idades medrara en 6,7%. 

Efectos da pandemia

A Covid-19 acrecentou as eivas do emprego xuvenil. No terceiro trimestre de 2019, a taxa de paro situábase en 32,5% nas galegas e galegos de 16 a 19 anos; en 25% nos de 20 a 24 anos e en 16,3 % nos de 25 a 29 anos. Un ano despois, a taxa aumentou a 48,4% no primeiro grupo; 34,4% no segundo e 23,3% no terceiro. Este último tramo agrupa 22.100 persoas paradas das 42.600 totais segundo a Enquisa de Poboación Activa (EPA).

As taxas de ocupación tamén evidencian unha destrución do emprego xuvenil. A finais de 2019, Galiza sumaba 371.000 mozos e mozas de entre 16 e 25 anos ocupados. Os últimos datos de 2020 sitúan esa cifra en menos de 200.000, con 45% de postos de emprego menos. Do 33,95% da poboación de menos de 30 anos ocupada, un total de 108.200 persoas, case 80% traballa a xornada completa e 20% a tempo parcial, porcentaxe que en menores de 25 anos aumenta a 32%. Paralelamente, a temporalidade para o conxunto dos menores de 30 sitúase en 58%

O mercado de base

Do Informe do Mercado de Traballo da Mocidade do Servizo Público de Emprego Estatal (SEPE) pódese extraer que a maior parte dos contratos de traballo asinados non requiren unha formación superior. O último publicado, o de 2019, recolle que nese ano asináronse 149.017 contratos persoas menores de 30 anos que acreditan un título da ESO ou do Bacharelato, fronte a 69.255 contratos cunha FP ou título universitario acreditados.

Unha parte importante da mocidade activa encádrase na Galiza no sector servizos. O comercio ou a hostalaría son dos sectores que absorben man de obra xuvenil, independentemente da formación das e dos traballadores, e que presentan altos niveis de precariedade.

Nese senso, os menores de 25 anos perciben uns ingresos de media anuais de 12.417 euros fronte ao do conxunto de idades, de 24.009. 6,2% realiza horas extra, fronte a un 4,9% do resto de franxas de poboación. Unhas cifras que encerran o desacougo da mocidade, con dificultades para emanciparse debido a súa incapacidade para afrontar os gastos do aluguer e do día a día.

Por iso, non hai que esquecer que as cifras dos trimestres da pandemia son tamén un síntoma agudizado dunha problemática xa existente. Así, entre as persoas activas menores de 35 anos 22,97% son paradas de longa duración segundo amosa a última enquisa da EPA.

As dificultades para atopar emprego fan que haxa quen opte por retomar os estudos ou emigrar. Entre 2018 e 2019 Galiza perdeu 11.700 mozos e mozas en idade de traballar. Entre 2019 e 2020 súmanse outras 8.900. Na última década, 80.000 mozos e mozas marcharon do país. 
 

comentarios