As economistas galegas descartan unha avalancha de concursos de acredores pero recoñecen medo á morosidade

Transcenden os resultados do Barómetro de Economía da Galiza.
A hostalaría é un dos sectores máis prexudicados pola crise. (Foto: Europa Press)
photo_camera A hostalaría é un dos sectores máis prexudicados pola crise. (Foto: Europa Press)

O Consello de Economistas da Galiza considera que a crise derivada da Covid-19 golpeou Galiza con menor intensidade que o conxunto de territorios do Estado español, se ben confía en que se recupere "ao mesmo ritmo ou a un ritmo superior ao resto de España".

Esta é unha das conclusións que se extraen do Barómetro de Economía da Galiza correspondente ao primeiro semestre de 2021 e presentado onte telematicamente polo o director da publicación, Venancio Salcines, e o presidente do Consello Galego de Economistas ─organismo promotor do informe─, Miguel Vázquez Taín.

Segundo sinalou Salcines durante a presentación, as e os economistas do Consello non ven "a ameaza da choiva de concursos de acredores". "Falan de que hai problemas importantes, máis que en 2019, pero non ven a avalancha, o que é un punto para o optimismo", destacou.

Neste senso, indicou que Galiza, "se cadra, vai resistir un pouquiño mellor do que se pensaba" esta crise, en parte pola menor dependencia do sector turístico internacional, salientou Salcines.

Con todo, recoñeceu un "medo evidente á morosidade" por parte das entidades financeiras, polo que "é posíbel que haxa" contracción do crédito a "determinadas compañías", advertiu.

Fondos europeos

Pola súa banda, Vázquez Taín incidiu na "realidade económica distinta" que debuxa esta crise e no "novo escenario que abren os fondos europeos", aínda con "moitísimas dúbidas" mais con "elementos diferenciais que permiten ser optimistas respecto á recuperación en relación coa utilización" dos mesmos.

Aínda así, a maioría dos economistas do Consello é pesimista respecto ás perspectivas de recuperación económica a moi curto prazo: 64% opina que a recuperación económica se materializará durante 2022, fronte a 28% que cre que podería adiantarse ao último trimestre deste ano. Tan só un 8% considera que no terceiro trimestre de 2021 poderían empezar a verse signos positivos.

No que coinciden os economistas do Consello é en apostar na redución da presión fiscal co obxectivo, din, de incentivar o investimento privado.

Comentarios