Economistas apuntan que "o peor está por vir"

Alertan dunha posíbel recesión na zona euro após os datos negativos con que rematou o ano 2020.
Comercio de alimentación en Vilaba (Carlos castro/ Europa Press)
photo_camera Comercio de alimentación en Vilaba (Foto: Carlos castro/ Europa Press)

Os datos económicos cos que rematou 2020 seguen a marcar o inicio deste ano. Segundo a compañía de información HIS Markit, a economía do sector privado da zona euro contraeuse por segundo mes consecutivo en decembro, lastrada sobre todo polo sector servizos, que acumula catro meses en descenso.

Este é o motivo polo que o xefe executivo desta empresa Chris Williamson, baseándose no último índice de xestores de compra (PMI), un indicador económico que inclúe informes e enquisas mensuais de empresas manufactureiras do sector privado composto da actividade total da zona euro, apunta que "o peor aínda está por vir", antes de que a inmunidade das vacinas consiga mellorar a situación. 

Na súa análise observa que os últimos datos aumentan o risco de que se produza unha recesión técnica, xunto cunha nova caída do produto interior bruto (PIB) da zona euro, ao longo do primeiro trimestre do novo ano, cando a actividade seguirá estando restrinxida debido a un severo distanciamento social.

O economista ten en conta que os datos da última enquisa coa que traballan foron recompilados antes da noticia da nova e máis contaxiosa cepa do virus que se deu a coñecer no Reino Unido

O sector servizos pendente das vacinas

O índice PMI de actividade comercial do sector servizos da zona euro de IHS Markit recuperouse en decembro desde a súa mínima de seis meses rexistrada en novembro, impulsándose até os 46,4 puntos, aínda que se mantivo por baixo da cota dos 50 puntos, sinalando un novo declive da actividade do sector servizos.

Esta menor actividade do sector servizos no seu conxunto estivo de novo estreitamente vinculada coa redución dos volumes de novos pedidos recibidos, que caeron por quinto mes consecutivo.

Por último, por mor das noticias recentes sobre o desenvolvemento das vacinas, as empresas do sector privado mostráronse notabelmente máis optimistas sobre a actividade no prazo de doce meses, o período que moitos organismos internacionais dan como probábel para rematar coa situación actual de pandemia. En xeral, a pesar da situación actual, o optimismo alcanzou o seu nivel máis alto desde abril de 2018.

Comentarios