A economía galega ante a segunda vaga

O aumento dos contaxios entre a poboación e a crecente aparición de novos abrochos meten o medo no corpo ás empresarias galegas, que temen unha contracción da súa actividade no terceiro e cuarto trimestre do ano, o que para as expertas podería supor unha caída de 12,7% do Produto Interior Bruto (PIB) galego.
A evolución da economía dependerá en gran medida da resposta das galegas ante o avance da Covid-19.
photo_camera A evolución da economía dependerá en gran medida da resposta das galegas ante o avance da Covid-19.

Era un escenario indesexábel, mais cada vez está máis preto de ser unha realidade. A Covid-19 avanza de novo polos distintos territorios. Faino con forza en Catalunya, Aragón e zonas do sur como Totana, onde mesmo volveron á fase 1. De momento na Galiza os rebrotes están controlados, ou iso semella. Pero a situación pode mudar nas vindeiras datas.

Segundo comunicou onte o Sergas, o número de casos activos sitúase na Galiza nos 233. Son 16 máis que o día anterior, de modo que suma xa catro xornadas seguidas de incrementos que non fan presaxiar nada bo. Cando menos que a cousa vaia mellorar nos vindeiros días. 

Sectores como o turismo asume con resignación a baixa cifra de actividade. Na Coruña, o brote vencellado ao equipo de fútbol do Fuenlabrada fíxose notar, como tamén o notaron os estabelecementos da Mariña cando se detectou o primeiro abrocho após a coñecida como nova normalidade.

O comercio paga a desconfianza das galegas sobre o futuro cunha campaña de rebaixas que non está a dar os froitos agardados. E namentres, miles de persoas agardan cos seus negocios fechados ou inmersos nun Expediente de Regulación Temporal de Emprego (ERTE) a que a situación volva á normalidade previa á pandemia, un escenario que as persoas expertas non cren posíbel antes de 2022. 

O escenario económico que ninguén quere

Os traballadores e traballadoras autónomas son, segundo a organización UPTA, o colectivo ao que máis afectaría un novo feche. Segundo as súas previsións, outro confinamento levaría a que 600.000 negocios botasen o feche este ano en todo o Estado español. "Nin as prestacións, nin as axudas serían capaces de soster o actual número de autónomas", advirte a organización.

O seu presidente, Eduardo Abad, recoñece que os rebrotes están a complicar o final da tempada estival a milleiros de pequenos estabelecementos hostaleiros, de ocio, taxistas e pequenos comercios, "que xa están a ver que a facturación nos seus negocios non só non mellora senón que parece diminuír na última semana de xullo".

Este escenario encaixa cun dos que debuxaba a semana pasada o Foro Económico da Galiza na revisión das súas previsións  sobre o impacto da Covid-19 na economía galega. O escenario en cuestión viña marcado pola alteración do normal funcionamento da economía no terceiro trimestre, algo que cada vez parece máis plausíbel á vista dos datos dispoñíbeis. Nese suposto, a caída do Produto Interior Bruto (PIB) en 2020 chegaría a 12,7%, lonxe de 8,5% do escenario menos malo. Pero se a situación vai a peor e a Galiza recupera medidas de confinamento, o impacto podería acadar un esborralle de 18,9%, apuntan desde o Foro. 

Precisamente, as persoas expertas destacaban que esta última posibilidade non estaba desbotada dados "os múltiples brotes" que se estaban a rexistrar entón no Estado español e que aínda non afectaban á Galiza como acontece agora.

Con todo, desde o Foro sinalaban varios factores que xogan a favor da economía galega, como a menor dependencia do sector turístico ─agora con ocupacións que rondan 50%─, o maior peso da industria agroalimentaria e a recuperación do sector da automoción, aínda que esta última moi condicionada 

Pesimismo empresarial

Entre o empresariado galego comeza a estenderse o pesimismo. Se hai uns días o conxunto de economistas galegos se amosaba optimista sobre o comportamento da economía nos vindeiros meses, na parte empresarial só 15% conserva ese optimismo. 

Segundo un informe elaborado pola firma de servizos profesionais Grant Thornton, 45% das empresas galegas agarda unha caída de ingresos e beneficios nos vindeiros 12 meses, e 50% que o faga a súa rendibilidade. No que atinxe ás perspectivas de xeración de emprego, só 2 de cada 10 líderes empresariais galegos prevé aumentar a contratación o vindeiro ano.

A incerteza é a principal preocupación das persoas que ocupan cargos directivos. No caso da Galiza, 80% das empresas recoñecen que esas incertezas sobre a evolución da pandemia da Covid-19 ía prexudicar as súas organizacións. O feito de non ter un horizonte de seguridade económica á vista pesa moito máis que no conxunto de territorios do Estado español (75%), e nin que dicir co resto de Europa (59%).

As medidas de prevención que se adopten para conter o avance serán chaves para determinar o impacto na economía dunha pandemia que xa vai marcar un antes e un despois na economía galega e mundial.

Comentarios