venres 30/10/20

A economía galega despedirase de 2020 cunha caída de entre 8,5 e 12,5%

No segundo trimestre do ano, "o máis duro" segundo constatou o economista e ex presidente da Xunta Fernando González Laxe, a economía galega caeu 17,9%, menos que España (21,5%), pero máis que Europa (13%).

cadena montaxe traballo mikel arrazola
(Foto: M. Arrazola)

O Foro Económico de Galiza dá por feito que o país "vai acabar o ano mellor que España e entre as catro comunidades con menor caída", en palabras do seu director, Santiago Lago. O que non se atreve a predicir é se o escenario ao peche do 2020 será dunha caída máis próxima ao 8,5% ou ao 12,5%.

"Non está nada escrito. Queda case un trimestre por diante", advirte Lago, quen avoga por realizar un "esforzo" e que o comportamento "colectivo" sexa responsábel co obxectivo de que a contracción do produto interior bruto (PIB) sexa menor a final do exercicio. No caso contrario, superar a crise pode ir "máis aló" dos anos 2022 e 2023, segundo alertou.

Segundo trimestre

No segundo trimestre do ano, "o máis duro" segundo constatou o economista e  ex presidente da Xunta Fernando González Laxe, a economía galega caeu un 17,9%, menos que España (na contorna do 21,5%), pero máis que Europa (sobre un 13%).

De acordo co último informe presentado polo Foro Económico de Galiza, que ten a Laxe como un dos seus autores, a poboación máis afectada polo desemprego ten entre 16 e 24 anos.

A modo de resumo do estudo sobre o segundo trimestre, González Laxe resaltou que "Galiza é capaz de soportar mellor" as crises, pero -analizando a comparativa da recesión de 2008- cústalle " máis saír que ao conxunto da economía española", pois ten "maior dificultade de reaccionar".

Por iso avogou pola adopción de "medidas de política económica" e "decisións responsábeis" tanto aos gobernantes municipais como aos autonómicos.

Ao lado da oferta, os sectores máis afectados no período examinado foron comercio, transporte e hostalería; actividades artísticas e recreativas; industria manufactureira e actividades profesionais. Con todo, chamou a atención para os autores "o menor impacto do sector primario".

Da parte da demanda, apreciaron unha "forte caída" da interna e un comportamento positivo das exportacións que está "a mobilizar" a economía, mediante a venda de produtos de alto valor económico "que permite que sexan a panca do desenvolvemento". Por "primeira vez" en anos as exportacións do sector automobilístico superan ás do téxtil.

Portugal

O documento presentado esta terza feira tamén aborda a "fenda" entre Galiza e o norte de Portugal en materia de investimento en I+D+i, un apartado que expuxo outro dos autores, José Francisco Armesto.

En 15 dos 17 indicadores do índice rexional de innovación, indicou, o norte de Portugal presenta unha mellor posición relativa. Pola súa banda, Galiza figura entre como rexións innovadoras moderadas.

comentarios