A economía galega comeza a dar sinais de mellora pese a caer no primeiro trimestre

O PIB galego fecha o primeiro trimestre do ano en negativo, pero o descenso é o menor desde o inicio da pandemia.
A caída do gasto dos fogares no primeiro trimestre polas restricións impediu que o crecemento marcase taxas positivas (M.Dylan / Europa Press).
photo_camera A caída do gasto dos fogares no primeiro trimestre impediu que o crecemento marcase taxas positivas (Foto: M.Dylan / Europa Press).

Aínda que timidamente, a economía galega comeza a dar signos de recuperación. Onte, o Instituto Galego de Estatística (IGE) daba a coñecer os datos do produto interior bruto (PIB) correspondentes ao primeiro trimestre do ano. O indicador marca unha caída de 2,9% en relación co mesmo período do ano anterior, que non ten por que ser negativa.

Precisamente, un dato desa melloría é que o descenso rexistrado no primeiro trimestre foi o menor desde o inicio da crise da Covid-19, xa que en 2020 as reducións foron máis significativas (3,8%, 18%, 6,2% e 7,6% no primeiro, segundo, terceiro e cuarto trimestre, respectivamente).

Ademais, o IGE compara dous períodos moi diferentes: o primeiro trimestre de 2020, con xaneiro e febreiro aínda coa dinámica previa á crise e marzo marcado polo inicio do confinamento, fronte ao de 2021, coa terceira vaga limitando a actividade en boa parte do país e cun mes de marzo que marca a volta á normalidade.

De feito, en taxa intertrimestral ─comparando o primeiro trimestre de 2021 co último de 2020─, o PIB galego mantívose sen variación, mentres que a economía española caeu 0,5%.

En comparación cos datos estatais, a diminución rexistrada nos tres primeiros meses do ano é 1,4 puntos inferior á da media de territorios do Estado español e mellora 4,7 puntos con respecto á taxa interanual do cuarto trimestre na Galiza.

Comportamento sectorial

O feito de que o dato do PIB rematara o trimestre en negativo ten moito que ver co gasto dos fogares e institucións sen ánimo de lucro ao servizo dos fogares, que experimentou un forte descenso, de 6%, en parte como consecuencia das restricións á mobilidade entre concellos durante os primeiros meses do ano e o fechamento do comercio e a hostalaría en boa parte do país pola terceira vaga da Covid-19.

Na mesma liña, a demanda interna caeu 3,1%, tanto en termos interanuais como intertrimestrais.

No que atinxe á formación bruta de capital, tamén se reduciu, 1% en comparación co primeiro trimestre de 2020, aínda que subiu 1,2% en relación co cuarto trimestre do pasado ano.

No extremo oposto, as exportacións, impulsadas polo bo comportamento da automoción, aumentaron 2,1% intertrimestral e 4,8% interanual, do mesmo modo que as importacións, que aínda que baixaron 3,5%  intertrimestral, medraron 4,7% nun ano.

Haberá que ver como inflúe no segundo trimestre a crise dos microchips, que está a golpear na actividade do Grupo Stellantis e as auxiliares da automoción, principais impulsoras do crecemento das exportacións.

No que respecta á oferta, a industria foi o único sector que rexistrou crecemento, 1,2% sobre o primeiro trimestre do ano pasado. Pola contra, a construción retrocedeu 6,3%, os servizos diminuíron un 3,4%, e o primario (agricultura, silvicultura, gandaría e pesca) descendeu 3,1%.

En canto ao emprego ─ medido en termos de postos de traballo equivalentes a tempo completo─, os datos de contabilidade trimestral do IGE constatan unha caída de 7% no primeiro trimestre, mais destaca a subida de 2,4% na construción.

Comentarios