Xosé Díaz

"A economía galega atravesa un momento preocupante"

Xosé Díaz, economista e autor de As contas que nos contan (editado por Sermos Galiza), é a voz desta segunda feira no #Venhanmais5.

Xosé Díaz. Apresentación de "As Contas que nos contan"
photo_camera Xosé Díaz. Apresentación de "As Contas que nos contan"

-Como avalía o estado da economía galega?

-O estado da economía galega atravesa un momento certamente preocupante, como nos mostra a nova vaga emigratoria, que é a mellor proba da incapacidade do sector empresarial galego para ofrecer os postos de traballo, en cantidade e calidade, necesarios, para rematar con esta lacra histórica que ten as súas raiceiras na situación dependente de Galiza nos espazos español e comunitario.

As cifras, sexan de Eurostat, do INE ou do IGE, non deixan lugar a dúbidas, sexan as que for as súas imperfeccións. Así entre os dados de Eurostat, no período 2007 (ano pre-crise) e 2015, en termos de euros por habitante (a peor comparanza para Galiza, dado o peor comportamento da súa poboación, que fai que este indicador medre dunha maneira perversa e non normal), Galiza pasou de representar 79% da media da UE a 28, a 71% no ano final, a unha distancia astronómica. E peor se a comparásemos coa media correspondente aos estados centrais comunitarios.

En euros por habitante, Galiza estaba en 79 por cento da media da UE en 2007, segundo os últimos dados disponíbeis estamos en 71 por cento


Segundo as Contas Económicas elaboradas polo IGE, en base 2010, para o período 2000-2014, o valor engadido bruto da economía galega medrou a unha taxa anual acumulativa de 3,5% (o -0,3% no período 2007-2014), en tanto que a poboación ocupada total (medida polos postos de traballo equivalentes a tempo completo) fíxoo a unha taxa de -0,7% (-3,2% no período 2007-2014), polo que a produtividade aparente do traballo medrou a un ritmo de 4,2% (2,9%, no período 2007-2014), moi superior a evolución experimentada pola remuneracións dos asalariados (salarios máis cotizacións á Seguranza Social totais), polo que os beneficios derivados do acrecentamento da produtividade van parar principalmente aos propietarios dos medios de produción e xustifican a continúa caída do peso da remuneración salarial no conxunto da riqueza anual creada polos traballadores (PIB).

As mesmas taxas referidas ao sector industrial foron moi inferiores no dous períodos considerados, 2,6% para o primeiro e -1,1% no segundo, correspondendo o peor comportamento ao conxunto da industria manufactureira (con taxas de 1,7 e -2,9%, respectivamente), de maneira que esta vén significar no ano 2014 unicamente 13,5% do VEB total galego, moi por embaixo do nivel estatal e xa non digamos da UE, en conxunto, e, sobre todo, en particular, dos estados centrais. De feito, na recente declaración de marzo de 2017 “por unha estratexia industrial ambiciosa da UE” se recorda como ao comezo do seu mandato, o presidente da Comisión, Sr. Juncker, “identificou a re-industrialización da UE [Europa di el] como unha das súas principais prioridades, confirmando o obxectivo de incrementar a participación da industria no PIB comunitario ao 20% no ano 2020...”.

En termos de redución absoluta de postos de traballo, se no período 2000-2014 se elevaban a un total de 103.467 traballadores (asalariados ou non), no período 2007-2014, se manifestou nunha caída total do emprego espectacular, de 239.421 traballadores, dos que 25.296, 56.703, 83.425 e 73.997, corresponden, respectivamente, aos sectores da agricultura e pesca, da industria, da construción e dos servizos. 

Obviamente, estas cifras oficiais, alén de deixar patente os efectos radicais da crise sobre o conxunto dos traballadores galegos, sitúan coma obxectivo central para o País a superación da súa situación dependente, subordinada, a súa incapacidade de poñer en práctica un plano de desenvolvemento económico, social e cultural en beneficio do propio país, asistindo pasivamente á destrución do seu tecido empresarial, á desarticulación da súa economía, á perda de sectores propios como o financeiro, de moi graves consecuencias para o futuro, de maneira que se incrementará a emigración e estrago dos nosos depósitos para financiar ao resto do Estado, en especial á súa capital, para alimento das clases parasitarias que sosteñen o mesmo. Nestas condicións, nin se cumpre, nin é posíbel alcanzar o principio esencial de vivir, de producir, de traballar no noso propio país.

Estas cifras oficiais, alén de deixar patente os efectos radicais da crise sobre o conxunto dos traballadores galegos, sitúan coma obxectivo central para o País a superación da súa situación dependente

-Que evolución agarda a cinco anos vista?

-Os economistas, entre outros, coñecen ben a cantidade de absurdos que resultan da realización de proxeccións cara ao futuro baseadas no que se coñece como un comportamento alcumado “as usual”, é dicir, partiren do suposto que en adiante van permanecer as mesmas condicións que as actuais. Afortunadamente, o que aconteza con Galiza no futuro vai depender da actitude dos galegos e galegos, pois non creo en determinismos de ningunha caste, e da súa capacidade para frear as decisións políticas externas negativas para o noso país que nos abafan en grao crecente.

Malia o dito, coñecemos que as proxeccións de poboación do INE para os anos 2016 a 2031, nos mostran unha futura perda de poboación de 230.722 persoas, cun nivel de envellecemento no ano final que significa que por cada 100 menores de 20 anos existirán 233 maiores de 64 anos (fronte aos 154 no ano 2016). E de maneira parecida, as proxeccións que fai da EPA até o ano 2029 nos amosa un devalar da taxa de actividade (ocupados máis parados sobre a poboación en idade de traballar), situándose no ano final en 45%, fronte ao 50% actual. Nestes escenarios base non hai que indicar que o futuro non se presenta precisamente favorábel e doado para nós.

O que aconteza con Galiza no futuro vai depender da actitude dos galegos e galegos


Ademais estamos asistindo e imos asistir, dada a compracencia do goberno galego coa situación actual, a novos procesos de reestruturación, que significarán novas perdas de emprego e de capacidade de producir, sen que exista política ningunha para superar a  desarticulación interna do sector empresarial, o logro da súa diversificación, expansión e modernización.

Xa que logo, dende o meu punto de vista, resulta esencial superar as restricións competenciais, o avance na soberanía do país, para que o goberno galego teña ao seu dispor os instrumentos necesarios e o conxunto de políticas necesarias para promover un proceso real de desenvolvemento propio, auto-centrado, que non autárquico, con base a unha estratexia sustentada nun plano de desenvolvemento a medio e longo prazo, nun grande consenso político e social, a prol dunha promoción dos nosos sectores empresariais, desde as actividades de extracción, agro-industriais, de transformación e distribución dos recursos pesqueiros, mineiros, enerxéticos, até os servizos avanzados ás empresas e a innovación, en combinación coas institucións acaídas de financiamento, de xestión, desenvolvemento e seguimento desta estratexia, cuxo obxectivo central, coma dixemos, ten de ser o acadar unha estrutura económica e empresarial normalizada, moderna, diversificada e competitiva, capaz de oferecer os postos de traballo de calidade necesarios para o conxunto da poboación galega en idade de traballar. Unha vez máis, concretarmos o dereito a vivir, producir e traballar en Galiza.

-Que esperas de Sermos nos próximos cinco anos e en que cres que debemos e/ou podemos mellorar? 

-Contemplo con moita satisfacción os notorios avances e melloras no deseño e calidade da información subministrada sobre o noso país e sobre o resto do mundo, coa cabeza sempre posta aquí obviamente, no que hai que continuar a profundar, pois todo conformismo non leva máis que a unha situación de anquilosamento que, estou certo, non se vai producir. Por outra parte, o meu optimismo vital, mais sempre cos pés na terra, lévame a prever, por que non, que o Sermos se converta tamén no diario en papel fundamental na Nosa Terra, o que non deixará de ser un dos mellores indicadores do avance na auto-estima e defensa dos intereses deste País, que é o noso, pola maioría que o habita.

Comentarios