A economía galega arrefría e muda de patrón de crecemento

Hai unha ralentización do crecemento na economía galega. Após tres anos cunha suba igual ou superior á media española, dá agora sinais de “constiparse”, nun proceso que vai ir a máis, apontan as economistas. De fondo, a mudanza no patrón de crecemento económico da Galiza. Eis un extracto da información publicada ao respecto no semanario en papel Sermos Galiza número 356.
f_20-21
photo_camera [Imaxe: Cedida]

m_20-21O ritmo de crecemento da economía galega levaba tres anos igualando ou superando a media española. Unha tendencia que se está a inverter e que aponta a un proceso de ralentización ou desaceleración da economía galega e que ten detrás mudanzas significativas.

No primeiro trimestre do ano, o PIB da Galiza aumentou en 0,4% –o valor máis reducido desde 2014– fronte ao 0,7% da media española. O ritmo de crecemento da economía galega sitúase en 2,3%, unha décima por baixo de España e oito décimas menos que o ritmo co que iniciamos 2018.

“A ralentización da economía galega vai asociada a unha mudanza no patrón de crecemento”, explican desde o Foro Económico da Galiza, entidade que co seu “Barómetro”, no que analizan 15 variábeis que inclúen cifras de emprego, facturación empresarial, actividade industrial, comercio internacional, etc, advirte dese desaceleramento.

O arrefriamento económico revela importantes mudanzas, tanto desde o punto de vista da demanda agregada como do sectorial.

A demanda interna achega agora 3,3 puntos ao crecemento agregado do PIB en termos reais e a demanda exterior, 2,2. Mudan as tornas: 2018 iniciárase cunha achega de 3,1 puntos por parte da demanda exterior e 2,8 pola interna. Que está a pasar? O impulso do investimento e o gasto familiar están a tirar máis que as exportacións. O comercio exterior galego non está a pasar por unha boa época.

De interese é a mudanza no patrón de crecemento económico da Galiza desde o punto de vista sectorial. O crecemento susténtase no subsector do comercio, transporte e hostalaría, que medrou case un 7%, tres puntos por riba da media española. O 26% do valor engadido bruto (VEB) xerado na Galiza corresponde ás actividades ligadas a ese subsector. Son sete puntos máis que os que representan as administracións públicas, sanidade e educación (18,7%) e 12 máis que o VEB da industria manufactureira (13,6%)

[Podes ler a reportaxe íntegra no número 356 do semanario en papel Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]

Comentarios