A economía frea a actividade por unha "crise de envergadura descoñecida"

O Indicador do Foro Económico da Galiza deu a coñecer novos datos sobre conxuntura económica que confirman un retroceso.  
Persoal de PSA Citröen nunha imaxe de arquivo (Europa Press)
photo_camera Persoal de PSA Citröen nunha imaxe de arquivo (Europa Press)

A actividade da economía galega deu unha importante freada na súa evolución este comezo de ano, segundo o indicador do Foro de Conxuntura Económica da Galiza.

Os datos indican que rexistra un valor interanual de -4,7%, o que supón un retroceso respecto ao mes de decembro  de -3,1%.

O comportamento máis destacado do exercicio, cunha taxa superior a 20%, é a produción de turismos. Mentres, o comercio exterior mostra taxas de crecemento interanual negativas, en especial no que ten que ver coas importacións, cunha caída que chega a ser superior a 15%.

Confírmase que a economía empeora

Para o Foro Económico, esta caída de máis de punto e medio en relación ao mes de decembro reflicte un retroceso no primeiro mes do ano "que confirma o empeoramento da conxuntura que arrinca no mes de novembro como consecuencia das medidas de contención adicionais".

Foi neste mes, lembran, cando a actividade volveu resentirse despois da melloría experimentada no verán e a comezos de outono. Por tanto, 2021 arrinca "marcado polos efectos da denominada terceira onda da pandemia da Covid-19, con claras repercusións en todas as economías".

Crise de envergadura descoñecida

"Asistimos a unha crise dunha envergadura descoñecida, polo que o seguimento no moi curto prazo a partir de cada mes da actividade económica dá conta das oscilacións en todas as variábeis recollidas na análise que fai o indicador", apuntan desde a entidade. 

O Foro Económico da Galiza creouse en 2010 como unha plataforma de transferencia de coñecementos en materia económica desde as empresas e universidades á sociedade.

Comentarios