A economía galega aumentará entre un 5% e un 9% en 2021

A enquisa sinala que a pandemia aumentou a fenda de xénero no mercado laboral galego.

David Regades xunto a persoal investigador da UVigo (Europa Press).
photo_camera David Regades xunto a persoal investigador da UVigo (Foto: Europa Press).

Un estudo desenvolvido pola Universidade de Vigo (UVigo) en colaboración co Consorcio da Zona Franca dese municipio prevé que a economía galega medrará entre un 5% e un 9% en 2021 e que "nos vindeiros meses" resolverase no Estado español unha crise de solvencia empresarial latente que se espera que afecte en menor medida á comunidade. Esta conclusión foi a que se comunicou na presentación esta terza feira do informe de competitividade empresarial Ardán 2021.

Segundo o catedrático de Economía Aplicada da UVigo, Santiago Lago, hai dous escenarios para Galiza este ano onde, no máis optimista, agárdase que o crecemento alcance un 8,8%, mentres o máis pesimista sitúao no 4,8%. 

Tamén avanzou a eclosión dunha crise de solvencia empresarial que afectará en maior medida aos sectores nos que máis impactou a pandemia, como a hostalaría, e empresas que se manteñen "con respiración artificial", como os expedientes de regulación temporal de emprego (ERTE), mais "non será unha hecatombe".

Para o futuro, destacou que os principais retos para o sector empresarial relaciónanse coa dixitalización, a demografía, o medio rural e a transición ecolóxica. Precisamente, puxo o foco en que "boa parte das oportunidades" que abre o "enfoque europeo" sobre o cambio climático "encaixan" con recursos dispoñíbeis na Galiza. 

Falta de igualdade

Adicionalmente, o delegado do Estado español na Zona Franca, David  Regades, presentou o informe Ardán 2021, elaborado cos últimos datos dispoñíbeis, de 2019. Así, precisou que un 5% das 3.500 empresas galegas analizadas obtiveron algún dos indicadores de competitividade Ardán, así como que as que alcanzaron este recoñecemento xeraron un 53% do valor engadido bruto.

Da mesma maneira, o estudo reflicte que un 66% das e dos empregados traballan en pequenas e mediana empresas (Pemes) e que un 42,4% das asalariadas son mulleres.

Así, Regades puxo o foco en que unha de cada catro empresas galegas as mulleres representan, como máximo, o 25% do persoal e que o custo da falta de igualdade ascende a 17.000 euros anuais para este colectivo. Lembrando o seu papel na pandemia asegurou que non se pode "seguir prescindindo de máis da metade do talento".

Comentarios