Economía

Ducias de negocios traerán cola cando remate o confinamento polo coronavirus

Os servizos de beleza e estética estarán entre os máis demandados cando remate o confinamento polo coronavirus.
Os centros de beleza agardan unha masiva afluencia de clientas (Eduardo Parra / Europa Press).
photo_camera Os centros de beleza agardan unha masiva afluencia de clientas (Eduardo Parra / Europa Press).

Tantos días de confinamento dan para pensar. E moito. Nas casas, a xente xa anda a facer plans para cando se suspenda o estado de alarma. Plans que afectan a negocios que hoxe están fechados pola crise do coronavirus e que terán unha alta afluencia de clientas cando a situación volva á normalidade. 

Entre eses sectores destaca o da beleza. Os galegos e as galegas están a descoidar a súa aparencia. Medran as melenas e as barbas e atopar aparellos para cortar o pelo en Internet, para aquelas valentes que se atrevan a facelo na casa, é practicamente unha misión imposíbel. As barbarías, salóns de beleza e os centros de depilación láser, que xa as tiñan, serán deses negocios nos que se implantarán as listas de espera para poder ser atendidas.

Algo similar acontecerá coas consultas médicas. As profesionais, agora con dedicación plena na contención do virus, terán que recuperar parte das consultas suspendidas nestas semanas como consecuencia da pandemia. No caso das clínicas dentais, súmanse ao capítulo anterior da estética e os problemas derivados de non ter atendido nestas datas as pertinentes obrigas de coidado dental. 

Un elemento esencial na vida de moitas galegas é o seu vehículo privado. Os coches están a ser un dos obxectos que máis están a sufrir a crise. O feito de estaren parados tanto tempo non os beneficia en absoluto. As grúas, os talleres e os servizos de asistencia deberán estar preparados para atender problemas como a descarga das baterías ou bloqueos nas rodas por falta de uso. A estes haberá que engadir as largas colas que se van formar nos centros de lavado, xa que a capa de poeira que acumulan os vehículos aparcados na rúa é xa considerábel en algún caso.

Convivencia no fogar

O colectivo que máis ganas ten de saír á rúa e o que máis o precisa é o das crianzas. O confinamento para elas faise moito máis duro, de aí que devezan por xogar nos parques, nos que o overbooking estará asegurado.

Pero o confinamento tamén xera tensións no fogar entre as parellas. As avogadas de familia non descartan un incremento das solicitudes de divorcio cando todo isto pase, ao igual que acontece após períodos largos de convivencia como o verán e as festas de nadal. 

No estremo contrario están as vodas, bautizos e comunións. Coa chegada da primavera arrinca a que é a súa tempada grande. Xa houbo casos de enlaces que non se puideron celebrar por culpa do coronavirus, e outros que tiñan datas próximas de celebración xa se están adiando. As empresas que organizan este tipo de eventos terán o tempo xusto para negociar cos provedores para que todo estea listo no gran día.

Precisamente, a loxística e os centros de subministro terán as liñas telefónicas ateigadas de chamadas. Bares, restaurantes e comercios de todo tipo deberán ter os seus almacéns preparados para o que lles espera. Con todo, desde a hostalaría cren que a xente tardará en coller confianza en determinados negocios, especialmente aqueles que concentran a un elevado número de persoas ao mesmo tempo. E aquí é onde xorden as oportunidades, xa que é o momento no que o pequeno comercio pode gañar a partida ás grandes superficies.

A INFORMACIÓN GALEGA ESTÁ NA TÚA MAN!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

comentarios