As dúas principais empresas de xogos de azar de Galiza únense para crear unha asociación e aglutinar o sector

Luckia e  Comar decidiron levar a cabo esta iniciativa "ante o baleiro existente en Galiza de contar cunha única asociación que integre todos os empresarios dos distintos subsectores desta actividade".

Unha casa de apostas fechada ao públio durante a terceira vaga da pandemia. (Foto: Arxina).
photo_camera Unha casa de apostas (Foto: Arxina).

Os dous principais grupos de xogos de azar de Galiza, Luckia e Comar, uníronse para crear a Asociación empresarial de xogos de azar de Galiza (Asejuga). A nova asociación busca ser "transversal" e aglutinar todos os operadores do sector do xogo presencial en Galiza.

Luckia e  Comar decidiron levar a cabo esta iniciativa "ante o baleiro existente en Galiza de contar cunha única asociación que integre todos os empresarios dos distintos subsectores desta actividade".

Asejuga súmase, así, ás organizacións preexistentes neste sector como a Asociación galega de Empresas Operadoras ( AGEO) e a Asociación de Bingos de Galiza ( Abiga). En todo caso, a Dirección  Xeral de  Emerxencias e Interior da Xunta sinala que, de momento, non teñen coñecemento oficial da creación da devandita asociación nin se recibiu "comunicación algunha por parte dos integrantes".

En palabras dos presidentes de ambos os grupos fundadores, José González -no caso de  Luckia- e José Collazo -de  Comar-, "non se pretende substituír outras asociacións que actualmente representan en Galiza, pero é necesario neste momento, no que ademais se está tramitando unha nova Lei do xogo, contar cunha única voz que represente e defenda a todos".

"Por iso convidamos todos os operadores de xogo de Galiza a que se sumen", sinalaron ambos os dous empresarios, sen que polo momento transcendesen reaccións das outras dúas entidades asociativas de negocios de xogos de azar. A nova lei de xogo corresponde coa intención da Xunta de actualizar o marco lexislativo que leva vixente desde 1985, centrándose no xogo presencial.

A principal discrepancia que hai por agora entre a Xunta e o sector do xogo débese á posibilidade de limitar o número de establecementos deste tipo en Galiza.

"Tolerancia"

Porén, a tolerancia da Xunta co xogo e a conivencia coas demandas do sector do xogo son obxecto de repetidas críticas desde as instancias máis diversas. Se no pasado mes de outubro eran as entidades representativas da hostalaría quen se queixaban da diferenza de trato entre os seus negocios e os locais de xogo, excluídos das limitacións de horarios impostas ao ocio nocturno como consecuencia da pandemia, uns meses máis tarde eran as forzas da oposición quen denunciaban unha rebaixa fiscal sen precedentes nos orzamentos galegos de 2021 para salas de apostas, bingos e casinos.

A proximidade do Partido Popular á patronal do xogo é unha crítica de vello das forzas da oposición. O vicepresidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, é un habitual dos actos da entidade, ao recaer no seu departamento a responsabilidade do sector. O presidente da patronal, Serafín Portas, ten nexos co PP. 

Comentarios