Dúas empresas galegas traballan nun sistema de control de acceso ás praias

 Sinala Tecnoloxía Visual (A Baña) e Scalene Global (A Coruña), presentaron estes días unha innovadora aplicación que emprega intelixencia artificial para contar cantas persoas hai nas praias e informar da capacidade en tempo real tendo en conta as mareas.
Praia de Area de Bon (Concello de Bueu)
photo_camera Praia de Area de Bon (Concello de Bueu)

Unha nova fornada de empresas galegas viñeron para quedar e competir en pé de igualdade nun sector, o tecnolóxico, cada vez máis presente na nosa sociedade. Dúas delas, Sinala Tecnoloxía Visual (A Baña) e Scalene Global (A Coruña), presentaron estes días unha innovadora aplicación que emprega intelixencia artificial para contar cantas persoas hai nas praias e informar da capacidade en tempo real tendo en conta as mareas e a superficie do areal co obxectivo de evitar o amoreamento e minimizar o risco de infeccións pola COVID-19.

A idea ten en conta o protocolo para a apertura de praias do Ministerio de Sanidade que recomenda ás autoridades que xestionan estas zonas que determinen a capacidade de bañistas que terán que fixar o número máximo de persoas que poderán acudir en grupo ás instalacións. 

Sistema baseado en cámaras e unha aplicación

Ana Fernández, directora de Scalene Global, relata a Nós Diario como funciona este sistema. "É unha solución que está formada por unha aplicación web e unha cámara dual de intelixencia artificial que conta as persoas á entrada e á saída da praia", explica. O sistema de videovixilancia conectaríase a través de telefonía móbil 4G e estaría dotado dun software que permite mostrar en tempo real o número de persoas que hai. Esta solución inclúe tamén un semáforo que se situaría na entrada da mesma praia para sinalizar se ten unha ocupación alta, media ou baixa.

"A cámara envía a información a un servidor onde temos a aplicación desenvolvida e, en función duns parámetros que de maneira previa se introducen como, por exemplo, a superficie da praia, contrasta cada minuto con datos de Meteogalicia para coñecer o estado das mareas". Desta maneira, a aplicación fai o cálculo da cantidade de persoas que hai no areal e esa información queda nunha aplicación, que tamén ten formato móbil, e ao semáforo.

"Tardamos mes e algo en rematala", asegura o responsábel de Sinala Tecnoloxía Visual, Rafael Vieito, que recoñece que a pandemia serviu de punto de saída para este e outros proxectos. "Pensamos en como saír desta situación e nas necesidades que habería", explica a Nós Diario. Xa existen varias aplicacións no mercado que poderían ser competidoras, mais esta é a única que ten en conta as mareas.

"Nós controlamos a xente que entra e sae das praias e non facemos cálculos aproximados con base no tamaño da praia", asegura Vieito. Nesta aplicación existe ademais a posibilidade de combinar esta solución con outra similar que consistiría en contar as prazas de aparcadoiros próximos, tamén en tempo real. Este sistema de control da ocupación conta con máis de 99% de fiabilidade e é capaz de discriminar outros elementos, como carriños de bebés ou táboas de surf, e descartalos da métrica do cálculo.

O software instalado non grava imaxes e non almacena ningún dato persoal, só detecta movemento de persoas nas zonas de entrada e saída. Ambas as empresas recoñecen que xa teñen concellos interesados en instalar esta tecnoloxía que tamén podería empregarse nas piscinas dos municipios do interior do país.

Dous anos traballando coas novas tecnoloxías

Sinala Tecnoloxía Visual (A Baña) e Scalene Global (A Coruña) naceron hai dous anos case a un tempo. Ambas as dúas traballan en solucións tecnolóxicas desde a Galiza e xa se fixeron un oco nun difícil mercado empresarial con moita competencia. "Apostamos polo rural, xerar postos de traballo na Baña", explica Rafael Vieito, responsábel de Sinala, "gustamos de axudar as pequenas e medianas empresas (Pemes) e traballamos en produtos moi diferentes e con prezos asumíbeis", engade.

No caso de Scalene, a súa directora, Ana Fernández, recoñece que malia o pouco tempo que levan conseguiron que entre a súa clientela figuren varias Administracións e tamén algunhas empresa privadas. "A nivel público traballamos en sistemas de citas e de incidencias", pon como exemplos.

Comentarios