Dous camiños separados para Alu Ibérica

O Goberno asturiano busca saída para a planta de Avilés mentres a Xunta bota as culpas a Madrid.
Reunión dos representantes de Alu Ibérica co conselleiro Francisco Conde. (Foto: Conchi Paz / Xunta da Galiza) #aluibérica #alcoa #intervención #administración #irregularidades #empresa #industria #coruña #audiencianacional
photo_camera Reunión dos representantes de Alu Ibérica co conselleiro Francisco Conde. (Foto: Conchi Paz / Xunta da Galiza)

As distintas formas de enfocar a crise dos gobernos da Galiza e Asturias poderían debuxar dous camiños distintos para as plantas que Alu Ibérica herdou de Alcoa na Coruña e Avilés. 

A difícil situación pola que atravesan as dúas instalacións fabrís está a levarse de modos moi diferentes. O recente anuncio do administrador xudicial das plantas de que ía solicitar o preconcurso de acredores non colleu a ninguén por sorpresa, despois de que hai tan só unhas semanas mandase ao persoal ás súas casas e puxese sobre a mesa a posibilidade de solicitar un expediente de regulación temporal de emprego (ERTE) para o cadro de persoal.

Porén, en Asturias xa estaban preparados ante esta eventualidade, que desde o seu departamento de Industria vaticinaban xa o pasado mes de xullo.

O Goberno asturiano púxose así a traballar na procura dun investidor que puidese garantir a continuidade da actividade industrial na planta de aluminio de Avilés. 

"Imos traballar conxuntamente co Ministerio en ver quen son eses investidores e ver se nun futuro poden facerse co control e ter por fin uns xestores serios solventes e rigorosos que até o de agora non se tiveron pola mala fe de Alcoa", sinalaba entón o conselleiro de Industria asturiano, Enrique Fernández.

Nesta liña, a portavoz do Goberno de Asturias, Melania Álvarez, cualificou esta sexta feira de "boa nova" a axilidade coa que administrador xudicial de Alu Ibérica solicitou o preconcurso, "que permite dar os próximos pasos para favorecer posíbeis ofertas de investidores" , dixo antes de comprometer a colaboración do seu Executivo coa futura administración concursal "para lograr este obxectivo".

As culpas a Madrid

A postura de Asturias contrasta co papel desenvolto polo conselleiro de Economía, Francisco Conde, que após a última xuntanza co comité de empresa da planta da Coruña o pasado día 15, limitouse, como adoita facer ultimamente con todas as frontes industriais que ten abertas, a pedir o Gobierno estatal unha "maior implicación" na procura dunha solución industrial para a factoría coruñesa.

Desde o comité xa reclamaron a Conde un papel moito máis activo na procura desa solución, que podería pasar por unha venda, aínda que esta opción é de momento máis factíbel en Avilés que na Coruña, dada a implicación do seu conselleiro.

Comentarios