xoves 24/09/20

DomusVi denunciada por indicios de delito fiscal

Acusada de desviar ao paraíso fiscal de Jersey parte dos beneficios obtidos na Galiza.

Visitantes agardan a súa quenda para entrar na residencia DomusVi San Lázaro en Compostela (Imaxe: Arxina).
Visitantes agardan a súa quenda para entrar na residencia DomusVi San Lázaro en Compostela (Imaxe: Arxina).

A Federación REDE de Asociacións de Familiares e Usuarias de Residencias e da Dependencia, a través da súa asociada Vellez Digna, presentou unha denuncia diante da Axencia Tributaria contra a sociedade GeriaVi S.A.U, ao entender que  “existen indicios de delitos contra a Facenda Pública polo menos na participación desta entidade nunha trama internacional tendente, presuntamente, a eludir as leis ou normativas que regulan os impostos, para obter uns beneficios impropios’.

GeriaVi, con sede social en Vigo, é a matriz no Estado español da multinacional DomusVi, marca líder da xestión de residencias para maiores e dependentes e unha das compañías máis potentes no mundo no sector sociosanitario, con negocios en tres continentes, propiedade de dous fondos de inversión, o británico Intermediate Capital Group (ICG), con sede en Londres, e o francés Société d’Investissements DVH (SIDVH), con sede en Antibes.

Segundo sinalan desde REDE, “GeriaVi é a matriz de 58 filiais, 53 no Estado español, catro en Portugal e unha en América. Unha peza máis na engrenaxe de sociedades da multinacional DomusVi que pasa polos polo Estado español, Francia, Luxemburgo e Jersey,precisamente nesta illa fiscalmente opaca radica a derradeira entidade da trama”.

Ao tempo, o colectivo de familiares de usuarios das residencias destacan que  entre calquera das 138 residencias de DomusVi no Estado esa derradeira sociedade de Jersey, interponse unha rede de sociedades de máis de 20 compañías. Boa parte non ten empregados e creáronse por motivos exclusivos de enxeñeira financeira, isto é non pagar impostos no Estado español e Francia, e trasladar as ganancias a Jersey, onde a taxa do xuro de sociedades é do 0%”.

A denuncia formulada por Rede diante da Delegación Especial da Galiza da Axencia Tributaria e dirixido á Dependencia Rexional de Inspección apuntan a “a creación e desenvolvemento dunha estrutura de enxeñería financeira, na que participa GeriaVi, que pode traducirse nunha conduta ilícita con resultado de fraude fiscal ou evasión de impostos, ó sobrevalorar conceptos deducíbeis co fin de reducir o pago dunha obriga tributaria con respecto ó que legalmente lle correspondería”.

As entidades de familiares dos usuarios das residencias perseguen coa súa denuncia, formulada “en base ás informacións de infoLibre”, que a Axencia Tributaria investigue si DomusVi está a cometer un delito, continuado, de evasión fiscal, “e en todo caso de gravísima infracción da normativa tributaria española”, como sinala o avogado que representa na denuncia ás colectivos galegos de familiares de usuarias de residencias, Xoán Antón Pérez-Lema.

“As informacións de infoLibre son precisas, ilustrativas e tamén alarmantes, porque ademais afectan a sociedades cunha alta porcentaxe de acordos, convenios ou concertacións coas administracións públicas en todo o Estado español; é necesario, polo tanto, que se abran as actuacións de inspección pertinentes dos exercicios que cumpran, que se lles fagan as comprobacións e que se lles requira a documentación correspondentes, que poidan presentar alegacións en plena igualdade xurídica, e que se determinen sancións, si cabe”, sinala Pérez-Lema.

O presidente de Rede, Paulino Campo considere necesaria unha explicación por parte da conselleira delegada de GeriaVi, Josefina Fernández Miguélez.“Josefina Fernández non se mostra en público dende a aparición da pandemia nas residencias no Estado español, onde o grupo DomusVi mostra uns datos horrorosos, con centos de anciáns falecidos. Outros centos de querelas presentadas nos xulgados por familiares das vítimas adornan a atroz dilixencia de Fernández”, sinala Campo.

comentarios