Paulo Carril no Sermos251

"O do pacto social é un modelo a combater"

Paulo Carril accedeu á secretaría xeral da CIG no VII Congreso, que tivo lugar a finais de maio, co apoio do 96% das delegadas e delegados e á fronte dunha candidatura unitaria e de consenso. Asume a responsabilidade de personificar un cambio xeracional no ano en que a CIG pode converterse na primeira central sindical en representación, todo un fito para o sindicalismo nacionalista. Acredita no poder da clase traballadora para mudar a realidade e advirte: “Non somos un sindicato de concertación”. 

[Imaxe: SG] Paulo Carril
photo_camera [Imaxe: SG] Paulo Carril

-Camiño dun mes como novo secretario xeral da CIG, que tal a aterraxe? Dá certa vertixe coller o testemuño dunha persoa como Suso Seixo, todo un referente no sindicalismo nacionalista?

-O certo é que é un reto asumir esta responsabilidade nunha central sindical como a CIG e máis se cabe polo que ten de relevo xeracional e, en concreto, polo que significa Suso, con toda a referencialidade que ten, co exemplo de compromiso e entrega. El personifica unha xeración que foi quen de erguer unha alternativa sindical nacionalista nas circunstancias máis adversas e chegar até aquí: ser a primeira central en mobilización social, estar perto de selo en representación… Suso é insubstituíbel.

- Falas de relevo xeracional, cal sería o roteiro para estes tempos da nova ‘fornada’ que agora asumides importantes responsabilidades no sindicalismo nacionalista?

-Temos claro que debemos saber continuar o traballo feito nestes anos, un traballo que confirma a idoneidade do noso modelo sindical. O noso labor é darlle digna continuidade a ese traballo, actualizándoo a unha situación laboral, a de hoxe, que ten cambiado mais que fai aínda máis necesario o modelo sindical que representa a CIG. Como diría un veciño meu, trataríase de facer “o mesmo, pero máis cargado de bombo” (sorrí).

-O novo secretario xeral de CCOO en Galiza fixo nestas semanas varias chiscadelas ao resto de centrais, nomeadamente á CIG, de cara á unidade de acción sindical. A comezos de xuño presentou unha proposta básica dirixida a CIG e UXT para artellar “unha resposta unitaria da clase traballadora galega”. Que valoración fas destas chamadas?

-Non xulgamos as intencións de quen fai esta proposta, mais consideramos que é un salto adiante á desesperada, un intento de emendar aquilo que ao meu entender realmente impide que haxa un marco xeral de entendemento con UXT e CCOO. Non hai posibilidade dun marco de entendemento con eses dous sindicatos por mor do modelo que representan, antagónico ao noso. Nós somos un sindicato de contrapoder, de confronto co poder, que entende que o diálogo social é nestes momentos un cancro para o movemento obreiro e a defensa dos intereses das traballadoras e traballadores. Son, ademais, un factor de españolización, aí está por exemplo a súa defensa da centralización en acordos marco, algo que entendemos que impide a democracia nos centros de traballo e a participación á hora de decidir as condicións de traballo. Teñen un modelo sindical de pactismo, de negociación e de marcos estatais.

Hai unha realidade no día a día: a unidade de acción ten que se producir nos centros de traballo e nas loitas concretas. Desgrazadamente, o que vemos é que nas loitas concretas CCOO e UXT están no bando da patronal, o caso de Ferroatlántica é un bo exemplo. Tamén é certo que hai espazos de unidade, como o que estamos a construír, a iniciativa nosa, na loita polo convenio provincial do metal na Coruña; ou no sector do transporte de viaxeiros. Mais é imposíbel que esta unidade se dea nun marco xeral, polo que temos dito, porque están a negociar en Madrid un acordo estatal que vai ser unha reedición do pacto social e con todo o negativo que iso significa para a clase traballadora galega.

No Consello Galego de Relacións laborais nós promovemos hai meses un acordo para facer prevalecer os convenios galegos fronte aos estatais e UXT e CCOO néganse a asinalo.

Entendemos, pois, que non é posíbel esa unidade de acción. Esta ten que ser reflexo da unidade nos centros de traballo e esas premisas non se dan. Que non vexamos posíbel unha unidade de acción non significa que non vexamos aproveitábeis espazos de unidade para enfrontar políticas do Estado, da Xunta, abusos patronais.

-Na recente clausura do congreso da CIG-Ensino instabas a “aproveitar a conflitividade para concienciar na loita polos dereitos laborais, sociais e nacionais”.

-A mobilización social ten un inmenso potencial e nós temos que ter a capacidade de converter a conflitividade social en organización, en afiliación. Para nós, a conflitividade laboral ten que responder en primeiro lugar a facer fronte ao deterioro das condicións de traballo, polo tanto mellorar os dereitos laborais e sociais. Mais nun proxecto sindical como o noso, que entende que a loita social é inseparábel da loita nacional, toda a conflitividade ten que ser unha oportunidade non só para tomar conciencia de clase mais tamén para mostrar que a emancipación da clase traballadora pasa tamén por que Galiza exerza os seus dereitos nacionais.

O lema do VII congreso, Coa CIG somos máis fortes quer expresar que onde hai sindicato hai poder da clase traballadora, hai capacidade de facer fronte aos abusos da patronal, hai marco para poder recuperar os dereitos roubados nesta crise, para conquistar dereitos sociais e construír un marco de relacións laborais na Galiza acorde co noso país. Debemos ser atrevidos á hora de propoñer alternativas.

A entrevisra completa podes lela no Sermos Galiza nº251, xa na nosa loxa. 

Comentarios