A distribución galega alíase cos produtores de leite na súa batalla contra a industria

Gadisa, Vegalsa e Froiz retiran produtos de Lactalis e Capsa dos lineais dos seus estabelecementos en sinal de apoio ás protestas dos gandeiros e gandeiras galegos
Varias persoas axudan a retirar dos andeis do Carrefour das Cancelas, en Compostela, os produtos de Lactalis e Capsa (Foto: Nós Diario).
photo_camera Varias persoas axudan a retirar dos andeis do Carrefour das Cancelas, en Compostela, os produtos de Lactalis e Capsa (Foto: Nós Diario).

Os produtores e produtoras lácteas galegas seguen librando batallas para que a industria axuste o prezo que pagan polo leite, cando menos para cubrir os custos de produción, que pola alza da enerxía e das forraxes está sensibelmente por riba do que cobran pola materia prima.

Nestas batallas, que xa se libraron en Lugo, en forma de protesta con tractores incluídos, e ante as propias industrias, os gandeiros e gandeiras de leite estaban sós nas súas reivindicacións, máis agora contan cunha nova aliada: a distribución.

Esta mesma semana, Unións Agrarias (UUAA) anunciaba que chegara a un acordo coas principais cadeas de distribución que operan na Galiza para retirar dos seus liñáis, como xesto de apoio ás súas protestas, o leite das industrias Lactalis e Corporación Alimentaria Peñasanta (Capsa) mentres estas non trasladen aos produtores as subas de prezos.

En principio, o boicot comezou onte e durará só até hoxe e suporá a desaparición dos andeis das marcas Larsa, President, Puleva ou Ram, entre outras.

As tres principais firmas de distribución galegas, Gadisa, Vegalsa-Eroski e Froiz, sumáronse a esta acción para sinalar as empresas que non permiten aos produtores trasladar ao prezo leite en orixe parte dos crecentes custos de produción que asumen as explotacións. Tamén participan outros operadores con forte presencia no país, como pode ser o caso de Mercadona. 

Con todo, Félix Porto, secretario de Coordinación Sectorial e Área Externa de UUAA, recoñecía onte que outras firmas, como Carrefour, decidiran descolgarse após a presión destas industrias que, como lembra, teñen un peso importante na federación de industrias lácteas (Fenil), presidida polo director de Capsa, e na Interprofesional Láctea (Inlac), co conselleiro delegado de Lactalis á fronte. 

Os cartos para a industria

Para o Unións, Lactalis e Capsa son, polo importante volume de recollida de leite na Galiza, "as principais culpábeis da nula rendibilidade das granxas lácteas, a pesar das grandes ganancias que están a obter pola comercialización de produtos industriais". 

As concentracións levadas a cabo en Vilalba e Outeiro de Rei, supuxeron un primeiro chanzo na escalada dun calendario de actuacións cada vez mais contundente para reverter unha situación na que os gandeiros de leite, segundo o Estudo da cadea de valor do leite do Ministerio de Agricultura, están a pagar 26% mais polos custes de produción.

Esta situación dá como resultado que, se de media este ano unha granxa cobrou polo leite 33,30 céntimos por litro, resulta practicamente imposíbel manter a actividade, xa que os custos ascenden a 40 céntimos de media.

Neste sentido, Porto indicou que a distribución fixo a súa parte, ao repercutir en moitos dos casos ese aumento de custos no prezo ao que venden o leite, pero que esa suba, da que se beneficia a industria, non chega aos produtores, xa que as empresas "estanse a quedar cos nosos cartos".

Ante iso, exixen do Ministerio de Agricultura unha "actuación urxente" para facer cumprir a lei da cadea, que impide vender a perdas. Tamén din que, no caso de que a industria non sente a negociar para recuperar os prezos, seguirán coas protestas.

Comentarios