Discrepancias nos axentes sociais sobre se manter a actividade

Instalacións de Ferroatlántica no polígono de Sabón (Arteixo)
photo_camera Instalacións de Ferroatlántica no polígono de Sabón (Arteixo)

Sindicatos e patronal da Galiza discrepan sobre o mantemento da actividade non esencial durante o estado de alarma decretado polo Goberno español. Os axentes sociais difiren desde a toma de medidas máis restritivas á continuidade do actual modelo de produción. A Confederación de Empresarios da Galiza (CEG) non cre que "deba pedirse a parálise", aínda que se remite ás medidas que adopten as autoridades.

Pola súa banda, a CIG é o sindicato que de forma máis clara exixe que se modifique o decreto de estado de alarma aprobado polo Goberno para que "pare todo", máis aló do esencial, e que "a xente poida realmente quedar na casa". O seu secretario xeral, Paulo Carril, sinala que "se deben paralizar todas as actividades, excepto aquelas declaradas imprescindíbeis".

Desde UXT-Galiza opinan que para "manter a actividade produtiva é necesario ter equipos de protección individual (EPI) para o conxunto de empresas" e avogan por "reorientar" a produción industrial para a creación de material sanitario a través dunha "coordinación" por parte do Estado.

Por último en CCOO-Galiza cren que se debe "manter o maior nivel de actividade na que estea garantido o cumprimento dos protocolos de seguridade"

Comentarios