O director xeral de Alu Ibérica renuncia no medio da investigación da Audiencia Nacional

Carlos Núñez Zorrilla comunicou a nova aos cadros de persoal da Coruña e Avilés a través dunha carta. A marcha decorre con pouco máis dun mes no cargo e após os rexistros ordenados pola Audiencia Nacional.
Carlos Núñez, o responsábel de Alu Ibérica que vén de presentar a renuncia. (Foto: Europa Press)
photo_camera Carlos Núñez, o responsábel de Alu Ibérica que vén de presentar a renuncia. (Foto: Europa Press)

No medio dunha investigación ordenada pola Audiencia Nacional e con polémica polos despedimentos de varios membros do comité de empresa da fábrica na Coruña, vén de transcender que o director xeral de Alu Ibérica, Carlos Núñez Zorrilla, renunciou ao seu cargo.

Pouco máis dun mes do seu nomeamento (foi o 15 de febreiro), o representante enviou un escrito aos cadros de persoal das fábricas da Coruña e Avilés -vendidas por Alcoa- na que explica que marcha pero que estas semanas de traballo foron “de enorme interese”.

“Creo que avanzamos moito todos xuntos en achegar ao proxecto de continuidade e seguimos reforzando as bases para que sexa un proxecto de futuro, como así está exposto”, incidiu.

Igualmente, na misiva engadiu que confía en que a compañía ten un “equipo solvente, sólido e eficaz e que a contribución de todosé fundamental para facer que este eixo industrial represente unha panca de futuro en Galicia e en Asturias”, remarca antes de desexar ás traballadoras e traballadores “o mellor no futuro”.

Non hai explicacións claras do motivo da despedida, se ben non deixa de ser significativo que decorra após os rexistros en múltiples instalacións de Alu Ibérica a principios de marzo.

Situación xudicial

Estes trámites foron encargados pola xuíza da Audiencia Nacional María Tardón, pois admitiu a trámite unha denuncia na que se poñía en dúbida a legalidade da operación de compravenda iniciada por Alcoa para desfacerse de dúas das súas tres fábricas no Estado.

En concreto, rexistráronse unha decena de inmobles en relación á suposta despatrimonialización fraudulenta das plantas de produción de aluminio na Coruña e Avilés. No foco do asunto están tamén Parter (primeiro comprador dos activos) e o Grupo Riesgo (o segundo e dono actual).

No marco da operación, catro persoas foron detidas e quedaron en liberdade con medidas cautelares: Víctor Domenech, presidente da corporación dona de Alu Ibérica; a súa socia Alexandra Camacho; Diego Peris, administrador único do grupo; e Luís Losada Gómez, o seu homólogo en System Capital, sociedade administradora da empresa.

Comentarios