O director do IGAPE deixa no ar a dúbida sobre unha eventual privatización de Navantia

En comisión parlamentar, o director xeral do IGAPE, Javier Aguilera, deixou no ar se a SEPI venderá Navantia á empresa privada argüíndo que non está na man da Xunta "aclarar os rumores da rúa". 

Estaleiros de Navantia na ría de Ferrol
photo_camera Navantia [SG]

Esta quinta feira o responsábel do Intituto Galego de Promoción Económica (IGAPE) deixou pasar a oportunidade, por segunda vez, de esclarecer as dúbidas que pairan desde hai algún tempo sobre o futuro de Navantia. Inquirido pola deputada do PSdeG-PSOE, Beatriz Sestayo, a respeito do ruxe-ruxe que apunta cara á unha posíbel privatización do estaleiro público ferrolán, Javier Aguilera, rexeitou responder afirmando que "o goberno galego non ten ningunha competencia sobre Navantia" polo que non está na man da Xunta "aclarar os rumores da rúa". 

Sestayo demandou explicacións ao director xeral do IGAPE en relación cunha hipotética venda de Navantia á empresa privada. Unha dúbida que a parlamentar socialista xa levou á Cámara en anteriores ocasións. Neste senso, exixiu a Aguilera dar cumprimento ás súas responsabilidades ou "demitir" se non esclarecía que acontecerá co estaleiro público. Mais non obtivo resposta. 

Os rumores sobre unha posíbel privatización deveñen do acontecido xa con algunha das filiais de Navantia. No concreto con Renosa. O remolcador xa foi vendido en xullo de 2014 por orde da SEPI e contou coa aprobación do Consello de Ministr@s español. En realidade, o proceso de privatización de Renosa xa comezar en outubro do ano anterior. Renosa contou en 2013 con beneficios económicos polo que o PSdeG-PSOE criticou que se cedese unha "empresa competitiva e sostíbel ao afán lucrativo de intereses privados" --ingresou 1,5 millóns de euros dos que recadou 465.548 en beneficios.

O BNG teme que Navantia vaia concentrar toda a súa actividade na construción militar após Defensa asumir a tutela sobre Navantia 

Esta decisión derivou do mandato aprobado polo executivo de Mariano Rajoy en febreiro de 2012 cando ordenou á SEPI a redución de máis de 100 empresas participadas pola sociedade pública de modo a lle "aforrar ao erario público", sinalaron, "consellos de administración, órgaos directivos e conselleiros". O que non fica claro é se acontecerá o mesmo con Navantia após rematar o veto á construción naval civil o 1 de xaneiro de 2015.

Defensa asume a "tutela" de Navantia

O que si esclareceu o director xeral do IGAPE é que o Ministerio de Defensa asumirá a "tutela" do estaleiro público, como lle indicou á deputada do BNG, Carme Adán. Este feito procura, segundo Aguilera, tecer unha colaboración con outras armadas para "estudar posibilidades comerciais". 

O grupo parlamentar nacionalista demandou a Javier Aguilera, explicacións a respeito desa asignación ministerial, acontecida durante os meses de verán mais sen que se coñecesen as razóns de tal mudanza. Un feito que, din, "acende todas as alarmas" perante o temor a que Madrid "concentre toda a construción naval no ámbito militar" mesmo despois de se levantar o veto. 

Neste senso, Adán lamentou a "indefinición" da resposta e lembrou que a Cámara votou "por unanimidade" unha iniciativa presentada polo grupo parlamentar do BNG pola que se instará o Goberno español a aprobar "unha xestión descentralizadora" de Navantia. 

Comentarios