Directivo de Pemex tamén nega que haxa contrato con estaleiros galegos para construir os 2 floteis

Carlos Morales afirma que o único que se fixo desde PMI, filial de Pemex, foi sondear o mercado e que non hai nada definitivo
Pemex
photo_camera Pemex

En México semellan ter cada vez máis claro que non hai acordo firme para que os 2 floteis de Pemex se constrúan en estaleiros galegos. Un directivo da multinacional petrolera, Carlos Morales, ven de recoñecer en declaracións recollidas por CNN México que non hai ningún acordo pechado don Galiza para esa operación. É máis, Morales apunta a que o único que hai é unha "fase de sondaxe de mercados" para ver as mellores ofertas e opcións para construiren eses dous buques.

Esa sondaxe fíxose entre 21 empresas de diferentes países. E será o consello de administración quen decida. E as cláusulas suspensivas incluidas no principio de acordo cos estaleiros galegos poden levar a Pemex, sen costo ningún, a non aceptar a oferta galega.

"O 8 de outubro saberemos quen presentou cotización e de qué tamaño é o mercado. Iso é o único que estamos a procurar agora", manifestou Carlos Morales. E unha das empresas consultadas será a filial PMI.

Novembro

Cómpre lembrar que o 11 de setembro Pemex celebrou unha xuntanza do seu consello de administración. Na reunión abordáronse diversas cuestións mais non o contrato con estaleiros galegos para construír dous buques hoteis, e que unha semana despois sería presentado en Compostela polo presidente da Xunta da Galiza como o revulsivo que precisaba o sector naval galego. O anuncio de Feijóo xerou unha gran treboada en Mexico, con conselleiros que criticaban que ese contrato non pasase polo consello de administración. O PRI, partido gañador das eleccións, tamén se uniu ás críticas, exixindo exlicacións a Pemex polos contratos.

O vindeiro mes de novembro volverá reunirse o máximo órgano decisorio de Pemex e daquela podería porse sobre a mesa o contrato cos estaleiros galegos atinxido pola filial PMI. Membros do consello de administración xa teñen feito público o seu malestar polo feito de que este asunto non fose tratado na xuntanza de setembro.

Comentarios