A dirección de Alcoa ve “lonxe” unha oferta sólida antes de xuño

O estatuto da industria electrointensiva pasa a consulta pública e o goberno español quéreo ter aprobado antes das eleccións do 28 de abril. 

alcoa foto de en marea

O presidente de Alcoa España, Rubén Bartomé, afirmou que o borrador do estatuto para os grandes consumidores electrointensivos que esta terza feira pasa a consulta pública presenta moitas incertezas. A isto engadiu que se ben hai investidores interesados nas plantas da Coruña e Avilés, estase moi lonxe de atopar algo sólido antes de xuño, mes no que finaliza o prazo para atopar unha solución. Até catro ofertas hai sobre a mesa mais Alcoa considera que non son abondo “sólidas”.

Na xuntanza realizada esta segunda feira entre os diferentes axentes implicados en procurar unha saída para Alcoa non se acadaron grandes avances. A Xunta xa expresou a súa decepción pola falla de solucións por boca do conselleiro de Economía, Francisco Conde. "Alcoa nestes momentos non ten solución viábel e estamos moi lonxe de poder identificar se realmente o estatuto dos consumidores electrointensivos pode dar unha resposta certa e un marco competitivo para os investidores", dixo.

O presidente do Comité de Empresa de Alcoa A Coruña, López Corbacho, cualificou a reunión de "trámite" e apuntou que esperaban a presentación do estatuto. "Sabemos que o escenario se complica co proceso electoral, pero temos que presionar o Goberno e os axentes que teñen capacidade para dar solución, temos posibilidades de saír vitoriosos".

Comentarios