Unha de cada catro persoas ten dificultades para asumir os gastos da vivenda, cuxo prezo segue á alza

O informe 'Fogares fronte á alza da vivenda' recolle que até 86% dos galegos e galegas é "pesimista" e cre que en 2023 seguirán a subir os prezos, que provocan a renuncia a realizar arranxos na vivenda ou o intento de reducir a factura enerxética.
Panorámica da cidade da Coruña. (Foto: Arxina)
photo_camera Panorámica da cidade da Coruña, a cidade galega co metro cadrado máis caro de vivenda usada. (Foto: Arxina)

Un de cada catro (24%) galegos e galegas ten dificultades para facer fronte aos gastos da vivenda. Así o conclúe informe Fogares fronte á alza da vivenda, elaborado polo Grupo Mutua Propietarios para coñecer como afecta a economía familiar o incremento dos custos asociados á vivenda.

"O euribor sitúase no seu nivel máis alto desde decembro de 2008 e, ante o endurecemento das hipotecas, a demanda de alugueiro seguiu incrementando os prezos en 8%, a pesar do límite estabelecido polo Goberno español", explica a subdirectora xeral de Estratexia, Clientes e Canles Alternativas da compañía, Laura López Demarbre.

Unha situación que, agravada polo incremento do prezo da enerxía, precisa, "puxo os fogares galegos nunha situación de risco". Neste senso, o informe sinala que, se ben as hipotecas e alugueiros levan unha parte importante dos ingresos dos fogares, para 86% dos galegos e galegas son os consumos enerxéticos os que máis subiron no último ano.

López Demarbre apunta que lideran a listaxe de accións para reducir o gasto no fogar actuacións como reducir a factura enerxética (30%), prescindir de arranxos e melloras do fogar (24%) ou eliminar a compra de elementos para o fogar (18%). Pola súa parte, buscar seguros máis económicos, con 10%, fica á cola de accións para minimizar o gasto.

Aliás, tal e como recolle o grupo nunha nota de prensa, o informe Fogares fronte á alza da vivenda sinala que 86% da cidadanía é pesimista e cre que durante o presente ano os gastos asociados á vivenda seguirán aumentando, sendo os propietarios con hipoteca pendente os que prognostican un futuro peor, pois 44% destas persoas están seguras de que os gastos seguirán a medrar.

A vivenda usada encarece 4%

A vivenda usada na Galiza aumentou o seu prezo medio no mes de febreiro en 4% con respecto ao mesmo mes do ano anterior, e 1,3% en relación ao pasado xaneiro, segundo os datos que publica esta segunda feira o portal inmobiliario Fotocasa. En consecuencia, a vivenda usada sitúase no país a 1.678 euros o metro cadrado, por baixo da media estatal, onde o metro cadrado custa 2.086 euros.

Por cidades o prezo medio da vivenda usada sufriu no mes de febreiro un aumento de 8,8% en Pontevedra, co metro cadrado a 1.939 euros. Con todo, A Coruña, cunha suba de 7,3%, é a cidade máis cara, valendo o metro cadrado 2.556 euros. Nesta liña, Ourense, cun descenso interanual de 0,7%, é a terceira cidade máis cara co metro cadrado a 1.543 euros , mentres Lugo conta cun ascenso dos prezos de 2,4% e o metro cadrado a 1.422 euros.

O valor interanual da vivenda fica por riba de 10% nalgúns municipios como Bueu (26%), Poio (25,4%), Marín (13,3%), Cedeira (13,25%) ou Viveiro (12,9%). Pola súa parte, os dous maiores descensos interanuais da Galiza localízanse en Rianxo, cunha caída dos prezos de 14%, e Vilalba (-10%).

Comentarios